Voto de calidade para evitar o consenso
Unha vez máis o BNG-AA tendeu a man e o Goberno municipal decidiu impoñer o seu único e exclusivo criterio, reforzado desta vez polo feito de que o Alcalde de Baiona tivo que recurrir ao seu voto de calidade en varias ocasións.
A ordenanza de terrazas en espazos de uso público provocou que o Goberno Municipal, ante unha complexa situación, decidise encerrarse en troques de mostrar vontade de diálogo e de consenso. O Bloque Nacionalista Galego – Asembleas Abertas, nun primeiro momento, aceptou o modificación da ordenanza por entender que os informes municipais eran favorábeis e ficaba resolto un vacío legal que podería provocar conflictos no futuro. Unha vez presentada reclamación á mesma, demostrando que a ordenanza podería mellorarse, o Goberno municipal optou por non contar coas forzas políticas da oposición que a apoiaron e presentar unha estimación parcial sin buscar o consenso. Paradóxicamente, a ordenanza reguladora do mercado demostrou que con vontade política todos os grupos da Corporación municipal son quenes de chegar a acordos e traballar en conxunto polo ben do noso concello.
Así mesmo sucedeu coa declaración institucional polo Día internacional para a eliminación da violencia de xénero. Tratándose dunha cuestión de vital importancia e na que non deben mostrarse fisuras, avanzar cara a súa erradicación e sendo presentada como declaración institucional, o desexábel tería sido mostrar vontade de consenso previo, non presentar nunha comisión informativa un texto e, de seguido, non aceptar as enmendas propostas polo BNG-AA e que todos os grupos da Corporación, excepto o Partido Popular, consideraban que enriquecían o texto orixinal. Por isto a declaración institucional, aprobada por unanimidade, ficou sin referencia algunha á creación dun Estatuto do Feminicidio e que a Xunta de Galiza rache os contratos con empresas que non cumpran coa igualdade de xénero.
Do mesmo xeito actuou o Bloque Nacionalista Galego – Asembleas Abertas ante a moción presentada polo PSOE baionés en relación á glorieta do peirao na rúa Alférez Barreiro. Xa na comisión do PEPCHAB que tratou inicialmente o proxecto o BNG-AA advertiu que a reducción de prazas de aparcamento provocaría conflicto, ao que o Alcalde de Baiona respostou que todo non se podía ter. No debate da moción puido evidenciarse que por unha parte o PSOE mantiña unha posición trasladada pola Asociación de Comerciantes e empresarios de Baiona e que o Goberno municipal defendía a postura da Cofradía de Pescadores. Novamente foi o Bloque Nacionalista Galego – Asembleas Abertas quen solicitou o diálogo, na busca dunha solución acorde ás necesidades de todas as partes. Estas situacións non se producirían si o Goberno municipal actuase con transparencia e contase con todos os grupos municipais e os axentes afectados na toma de decisións. Dificilmente pode buscarse o apoio no Pleno municipal cando propostas conflictivas, previamente advertido que o serían, non contan con consultas previas.
En relación a todas estas situacións provocadas por falta de vontade negociadora o Bloque Nacionalista Galego – Asembleas Abertas voltou insistir na petición de que se constitúa unha comisión de participación veciñal, onde se orixine unha regulación que defina expresamente o funcionamento plenario, a interlocución coa veciñanza e incremento do vencello entre veciños e veciñas coas decisións que lles afectan no ámbito municipal.