O PP négase a solicitar a transferencia da AP-9 e a liberalización da peaxe na AG-57
A moción do BNG solicitaba unha AP-9 galega e sen peaxes, así como a supresión da peaxe na AG-57, que na actualidade supón 1,60 € por traxecto entre Baiona e Vigo.
A iniciativa do Grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego - Asembleas Abertas perseguía a adhesión ao acordo unánime que adoptou o Parlamento Galego e que foi bloqueado no Congreso dos Diputados, onde a representación galega do Partido Popular contraviu o acordo adoptado polos seu propio partido en Galiza, nunha clara mostra de sucursalismo e sumisión pola súa parte.
O Goberno Municipal, de mans do seu Alcalde, esgrimiu a súa oposición á moción por pretender suprimir o punto tres da mesma, onde fica sinalado o rexeitamento ao rescate multimillonario con fondos públicos de autoestradas deficitaria, que tan só buscan salvar á Banca e construtoras que as xestionan, en contraposición á que eses recursos públicos se destinen ao rescate de autoestradas que supoñan un beneficio das usuarias e
usuarios finais, como pode ser no caso das peaxes na AP-9.
A situación de expolio é tal que de Baiona a Ferrol o custe en peaxes por 206 quilómetros (192 por autoestrada) elévase a 19,20 €, cando polos 609 quilómetros (596 por autoestrada) que separan Baiona de Madrid supoñen un custe de 13,90 € en peaxes. A principal vértebra comunicativa do noso país continúa a lastrarnos, cando xa foi plenamente amortizada a inversión que supuxo a súa construcción.
Paradóxicamente, o Partido Popular ten apoiado esta moción noutros concellos, mesmo no propio Val Miñor. Fican prácticamente sós os populares baioneses na defensa dos intereses de empresas privadas en troques de preocuparse de defender os dos baioneses e baionesas.