O Partido Popular certifica o seu fin de ciclo
Con sete concelleiros e concelleiras no Salón de Plenos e cuns orzamentos alterados por procesos xudiciais o Goberno Municipal afrontou esgotado un punto e final a unha lexislatura para o esquecemento.
Remata a tramitación duns orzamentos que naceron xa condenados, coa súa anulación polo voto en contra de todos os grupos da oposición. Foron reiterados os chamados ao consenso que lanzou o Bloque Nacionalista Galego, pedindo deixar atrás as discrepancias políticas para obter un documento traballado en conxunto e que a equipa de Goberno que xurda das vindeiras Eleccións Municipais poidese acometer sen ataduras.
Coas contínuas rectificacións do Goberno Municipal polos seus reveses xudiciais, pretendía aprobar un documento alterado que como mínimo debería someterse a unha nova aprobación inicial. As dúbidas sobre unha aprobación que podería conlevar un novo proceso xudicial e a súa anulación remarcan aínda máis a contínua improvisación do Partido Popular, que non é quen de asumir que perdeu a súa posición dominante, un Partido Popular que evidenciou a súa debilidade e que xa non conta siquera co apoio dos seus concelleiros e concelleiras. Unha nova baixa no seu grupo municipal deixóulle momentáneamente con sete dos nove concelleiros e concelleiras que conformaron inicialmente. O Bloque Nacionalista Galego non ía ser cómplice de semellante despropósito e alegou unha vez máis a deixar de lado as loitas partidistas, apostando porque éstes deben ser acometidos polo novo Goberno Municipal que saia das Eleccións Municipais do vindeiro Maio. Sexa no Goberno, sexa na oposición, o Bloque Nacionalista Galego tenderá a man a todos e cada ún dos grupos municipais para acadar uns orzamentos de consenso, froito do diálogo non só entre organizacións políticas sinón tamén co conxunto da veciñanza baionesa. Ésta é a que debe decidir que modelo quere para os vindeiros catro anos.