O Partido Popular empéñase en vencellar Baiona a figuras de dubidosa ética
Tras a frustrada conferencia de Mario Conde o PP en solitario recoñece co Galardón Santos Peralba a un militar misóxino e profranquista
O Pleno Municipal de Baiona viviu de novo momento esperpénticos diante dos posicionamentos do Partido Popular, nunha evidente perda de rumbo na que a veciñanza de Baiona non lle pode acompañar.
O “Galardón General del Aire Santos Peralba” foi creado polo Partido Popular de Baiona para condecorar a personalidades ou entidades que contribúan ao coñecimento e desenvolvemento da aviación ou presten servizos relevantes á sociedade a través da aviación. Unha disciplina que pouco ten que ver con Baiona e cun encaixe difícil para un/unha civil, converténdose, na práctica nun galardón para militares.
Neste V galardón a proposta foi para o Tenente Xeneral do exército do aire, Ignacio Martínez Eiroa. Non se cuestionan os seus méritos aéreos, mais na súa faceta de columnista e escritor é onde plasma a súa ideoloxía, amosándo pensamentos e reflexións con marcada índole misóxina, bélica e pseudo-franquista, algo que, como grupo político pacifista, feminista e antifascista, impidiu ao BNG apoiar a súa condecoración.
Xa que logo, no diario El Mundo (15 xaneiro de 2001) opoñíase á que as mulleres puideran formar parte do exército afirmando que “pódese diminuir a capacidade ofensiva do exercito español” e “a muller soporta menos unha tensión sostida”.
No dixital La Crítica (11 de xullo de 2017) na súa columna “El deber de defendernos” avoga por un gasto maior nas forzas armadas por enriba da educación e sanidade rematando a súa columna cunha rastreira pregunta “¿de que lles serviu as 200 nenas nixerianas secuestradas no seu colexio por Boko Haram, maltratadas, violadas e asasinadas, estar sans e ser ben educadas ?”.
Na revista da Real Hermandad de Veteranos de las Fuerzas Armadas y de la Guardia Civil escribe o artigo “La gran borrachera” no que comeza así: “Tal vez sería máis exacto escribir embriaguez pois a esta defínea a DRAE como enaxenamento do ánimo e así nos atopamos os españois -salvo moi contadas e honrosas excepcións- dende a data na que o xefe do Estado e Xeneralísimo dos Exércitos D.Francisco Franco Bahamonde entregou súa alma ao Señor”.
En troques de rectificar o Partido Popular, de mans da súa concelleira María Iglesias, atacou ao Bloque Nacionalista Galego no seu posicionamento, acusándoo de atentar contra a liberdade de expresión e atribuíndolle unha inventada afinidade coa aplicación da Lei Mordaza.
Para o BNG a defensa da liberdade de expresión e a eliminación da totalitaria Lei Mordaza, non son incompatíbeis coa frontal oposición a actitudes denigrantes á muller e o rexeitamento ao enaltecimento dunha dictadura que semella que algúns e algunas añoran e aspiran ao seu retorno. E nesa defensa da liberdade de expresión, cando moitas voces pedían que o BNG liderara unha campaña de boicot á infame conferencia de Mario Conde, actuou traballando en positivo, colaborando con entidades sociais para a celebración dun acto cultural e reivindicativo o mesmo día e á mesma hora, para que quen quixera fomentar a infamia asistise á conferencia de Mario Conde e quen quixera fomentar a dignidade da nosa vila poidese disfrutar dunha voz tan reputada como é a de Suso de Toro.
O outorgamento de calqueira galardón ao Teniente Xeneral Ignacio Martínez Eiroa é un insulto á intelixencia colectiva de Baiona e é o Partido Popular o único culpable destes feitos, toda vez que o PSOE se abstivo neste outorgamento e EU acompañou ao BNG na oposición ao mesmo unha vez tiveron coñecemento dos posicionamentos do galardonado.
Nunha actitude similar o Partido Popular voltou a quedarse só no rexeitamento dunha moción do BNG en apoio ao colectivo LGBTIQ+. Ante as pretensións do Partido Popular de modificar os acordos reflexados na moción, baleirándoos de contido, a moción foi apoiada por todos os grupos da oposición, rexeitándoa só o Partido Popular.