O BNG en Baiona o único en contra da privatización do servizo de mantemento de zonas verdes

O goberno do PP en Baiona privatiza unha parte do servizo de mantemento de zonas verdes do concello para os vindeiros cinco anos por 1.371.837,80 euros. Este acordo foi aprobado no pleno do pasado xoves coa abstención do PSOE e o único voto en contra do BNG.
Iago Pereira, portavoz do BNG en Baiona, sinala que “estamos nun momento propicio para reforzar a municipalización dos servizos xa que estamos a punto de contar cunha Relación de Postos de Traballo que permite organizar e ampliar o cadro de persoal. Aínda así, o goberno de Almuíña aposta pola privatización. Isto non é ningunha novidade. A privatización de servizos públicos está no ADN político do Partido Popular e, neste sentido, o PP de Baiona é un fiel servidor das políticas privatizadoras da dereita.”
Continúa apuntando que “xa o advertimos cando foi o debate dos orzamentos municipais para o ano 2024 onde incrementaron máis dun 40% a partida de propaganda, reduciron as partidas en gasto social e elevaron a un gasto récord de máis de 1,8 millóns de euros en privatización de servizos. Razóns polas cales o BNG votou en contra deses orzamentos.”
E remata argumentando que “o BNG en Baiona aposta decididamente pola xestión municipal dos servizos públicos como así o demostramos cando formamos parte do goberno. Ao contrario que o Partido Popular que finxía estar moi preocupado por este tema cando estaba na oposición e agora que goberna volta converterse no campión da privatización de servizos. Por esta razón, dende o BNG amosamos a preocupación de que nun futuro próximo o goberno do PP acabe por privatizar tamén o servizo da recollida de lixo.”