O BNG en Baiona denuncia que as políticas en vivenda do PP expulsan á veciñanza mentres hai máis de 4.500 vivendas sen residentes

O BNG denuncia que “as políticas en materia de vivenda que leva implantado todos os gobernos do Partido Popular son moi lesivas para Baiona xa que, sitúan ao noso concello no máis caro de toda Galiza para mercar vivenda, dificultando o seu acceso en xeral e, para a mocidade baionesa en particular. Os datos do INE así o levan confirmando dende fai moito tempo convertendo o acceso á vivenda nun dos principais problemas do noso concello e de facto, usurpando as posibilidades de vivir no seu concello á veciñanza de Baiona”.
O grupo nacionalista apunta que “levamos máis de quince anos onde hai máis vivendas non principais que de residencia de baionesas e baioneses. Así, máis da metade das vivendas construídas son de segunda residencia ou están baleiras; é dicir, de cada 10 vivendas existentes en Baiona, unhas 6 non son vivenda habitual. Ou sexa, hai máis de 4.500 vivendas nas que non se reside”.
Continúan asegurando que “destes nefastos datos hai que apuntar que temos máis de 1.000 vivendas baleiras en Baiona dun total de máis de 50.000 en toda a área metropolitana de Vigo. Isto, xunto aos esaxerados prezos para comprar e a imposibilidade de alugueiro durante todo o ano, confirman que a directriz do modelo capitalista, instaurado e defendido polo PP, de sobre-construir para que o mercado regúlese so, é un auténtico fracaso”.
Dende o BNG conclúen con “esixir ao goberno do PP da Xunta de Galiza actuar con urxencia ante a cada vez maior dificultade das baionesas e baioneses para acceder a unha vivenda implementando unha política de vivenda axeitada a realidade galega. Do mesmo xeito, instamos ao goberno de Almuíña á reaccionar ante o éxodo obrigado da veciñanza de ter que marchar a vivir fora de Baiona”.