O BNG en Baiona en contra da megacelulosa contaminante de Altri

O BNG en Baiona leva ao pleno ordinario do 9 de abril unha moción para que o concello de Baiona acorde á oposición a construción da macrofactoría de pasta de celulosa no concello de Palas de Rei, impulsada pola Xunta do PP e a empresa portuguesa Altri.
Dende o BNG sinalan que “este mega-proxecto industrial tería consecuencias devastadoras para o territorio, o medio ambiente e a paisaxe. Incidindo, de xeito directo e irreversible, na calidade das augas, na biodiversidade e nos sectores produtivos coa vertedura de 30.000 metros cúbicos diarios de auga contaminada na ría.”
O grupo nacionalista indica que “unha nova pasteira no corazón de Galiza agravaría máis o problema que xa sofren os montes galegos, condicionando aínda máis a política forestal e afondando na expansión descontrolada do eucalipto, cando o que realmente se precisa é reverter a situación xerada polo modelo da Xunta do PP da man de ENCE na ría de Pontevedra.”
Así, o BNG de Baiona instará a que o pleno acorde:
- manifestar o rexeitamento ao macrocomplexo industrial contaminante de Altri.
- solicitar ao Goberno do Estado que non outorgue fondos públicos á empresa portuguesa Altri para a construción desta macrocelulosa en Palas de Rei.