O PARTIDO POPULAR LANZA UN PLANEAMENTO PARA CREAR UN MACROPROXECTO INNECESARIO.
Diante do Plan Especial As Costeiras, Alternativa Cero
O Bloque Nacionalista Galego iniciará unha rolda de contactos co fin de opoñerse a un planeamento que xa na tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal tivo a súa oposición en forma de alegación. Xunto á documentación facilitada no presente artigo, adxúntase un modelo de alegación que calqueira veciño ou veciña pode presentar antes do vindeiro día 14 de setembro.
Durante a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal o Bloque Nacionalista Galego xa denunciou a intención do Partido Popular de construir un campo de golf na parroquia de Baredo. O Goberno Municipal negóuno baixo o pretexto de que éste tratábase dunha área deportiva, que podía ou non ser un campo de golf. Era evidente que máis de 700.000 metros cuadrados de área de afección non podía albergar máis que esta infraestructura deportiva. Tamén quedou reflexado no program electoral do BNG a súa firme intención de opoñerse a este proxecto. Hoxe a realidade confirma o anunciado, o proxecto para a construcción dun campo de golf saiu á luz e a oposición veciñal é abrumadora.
Non é casual o momento en que se publica un documento que fica datado en Decembro de 2016. Dous meses para un período de alegacións que comprende 45 dos seus 60 días en período estival. Ben puido comprobar o seu efecto Iago Pereira, Portavoz Municipal, á hora de tentar manter encontros con distintos colectivos sociais. Mais o traballo de recopilación de información, análise de documentos, redacción de alegacións e contactos con veciños, veciñas e interesados de todo tipo puido realizarse até este momento.
Mais cáles son os motivos polos que o Bloque Nacionalista Galego non apoia esta iniciativa?
A memoria do proxecto xustifica a construcción dunha piscina baseándose en que no concello non existe ningunha municipal, mais sí que se está a dar servizo mediante a xestión mancomunada a de A Ramallosa, coa que se cubre a demanda da poboación do Concello de Baiona. A concesión fica vencida e próximamente deben publicarse os pregos de condicións, onde o canon anual pasará a constituir un mínimo dun 1% da súa facturación, polo que é evidente que xenerar máis competencia a unha concesión pública non ten senso. Para maior dificultade, tamén existe unha oferta privada no Concello e, evidentemente, unha instalación situada a máis dun quilómetros desde Chan da Lagoa non semella ser unha oferta aceptábel. Con todo, estima que pode acadarse a cifra de 600 abonados, cando a propia piscina mancomunada conta cunha cifra estábel entorno aos 1.000 abonados e abonadas.
Percíbese en toda a redacción do Plan Especial a necesidade de xustificar a necesidade do mesmo, mais de xeito moi vago e sin aportar ningún dato que o respalde. Tal é así o caso coa suposta existencia dunha grande demanda e afición de actividades ecuestres.
O mesmo sucede coa vinculación entre o desenvolvemento do mesmo e desestacionalización turistica de Baiona, cando en todos os precedentes na contorna demostróuse non só que non contribúen á desestacionalización sinón que non son viábeis económicamente, salvo que se pretenda vencellar unha actuación urbanística, que neste caso é inviábel ou se desenvolverá fóra do ámbito municipal do Concello de Baiona.
Igualmente asevera que hai unha grande afición aos deportes aéreos, destacando o paramente e o paramotor, sin soster esta afirmación en ningún dato contrastado.
Aínda que se recoñece a existencia de tres curros na mesma Serra da Groba (A Valga, Mougás e Torroña), xustifica a dotación dun curro xa que no concello non existe ningún. Máis non reflexa que o tipo de curro-rodeo-espectáculo que aquí se propón non ten nada a ver cos curros dos máis antigos de Galiza como son os antes mencionados.
A memoria concede unha importancia do máis relevante á construcción dun campo de golf, situándoo coma un punto propio e deixando ben claro cal é o epicentro deste plan especial. Nin tan sequera o sitúa coma un apartado do “ANÁLISE XERAL DAS DOTACIÓNS DEPORTIVAS E RECREATIVAS DA ÁREA DE INFLUENCIA”. Recoñece a existencia de seis campos de golf na área de influencia. Tres de 18 buratos (golf balneario Mondariz, golf Meis e club golf ria de Vigo en Moaña) e tres de 9 buratos, considerando que a poboación que atenden queda fóra dos potenciais usuarios das instalacións previstas en As Costeiras”. Os tres campos de golf de 18 buratos atópanse dentro da área de influencia da comarca de Vigo, onde se insire o Concello de Baiona. Ademáis, deportivamente un par inferior a 70, proponse un par entre 58 e 66, exclúeo de competicións de relevancia, afectando á súa viabilidade económica. A súa exposición ao Norte dificultará tamén a súa funcionalidade na maioría dos días do ano.
En canto á memoria de sustentabilidade económica, os datos son tan abrumadoramente irreais que xa de por sí evidencia que non é sostíbel. Estímanse uns ingresos anuais en canto ao campo de golf de 655.000 € para a fase 1 e de 257.200 € para a Fase 2,cun total de 912.200 € anuais. Isto, trasladado ás diferentes tipoloxías de ingresos, conleva unha partida anual de 537.500 € na Fase 1 e 215.000 € na Fase 2 (752.500 € totais) para os dereitos de xogo (greenfees), valorados en 25 € cada ún deles. A necesidade de demanda de 82 dereitos de xogos diarios, 365 días ao ano, resultan unha estimación desproporcionada. De non acercarse a esta estimación no estudo económico, o campo de golf sería inviábel. A responsabilidade do estudo económico supón que en caso de inviabilidade da concesión o Concello de Baiona debe asumir unha inversión de 14.327.658,88 €, correndo o risco de inviabilidade económica da administración local no caso de producirse.
O custe de expropiación pública ascende a 2.027.965 €, non sendo incluída esta partida dentro da inversión inicial en caso de concesión, mais contemplando en compensación un canon anual de 30.000 € durante trinta anos. A expropiación supón un endebedamento innecesario e/ou gasto de fondos públicos para o Concello de Baiona ou a Administración Pública que colabore que non será reembolsábel a través do canon anual.
Resulta paradóxico que estudo recolle que tanto a opción da explotación directa do servizo polo Concello de Baiona como a través dun concesionario resultarían sustentábeis económicamente, polo que unha xestión pública resultaría máis favorábel para o Concello de Baiona, de ser atinadas as estimacións, polo que non se requiría nin tan siqueira unha concesión para a súa execución.
O análise do impacto ambiental no propio plan reflexa o extremadamente agresivo co medio que é o campo de golf. Especialmente coas canles e ribeiras, coa cuberta vexetal e co consumo de auga. Xa que logo, nas canles e ribeiras catalogan a intensidade como alta e a sinérxia como acumulativa; A cuberta vexetal, na súa reversibilidade catalógana como irreversible; e no consumo de auga a intensidade é alta e a sinérxia acumulativa. Favorécese a modificación do programa constructivo por posíbeis problemas para desenvolver o plan ante a conservación ambiental, deixando suficiente grado de liberdade para a modificación do programa sin determinar en que casos nin que organismo terá a capacidade de decisión sobre estas modificacións, nin quen evaluará a afección negativa aos valores ambientais e paisaxísticos.
En canto aos recursos hídricos, asegúrase que as necesidades neste eido non van a afectar ao caudal do que dispoñen os veciños de Baredo na súa comunidade de augas xa que o campo de golf pode regarse de forma autosuficiente aproveitando a auga de escorrentía. Contémplase pois, a construcción de 4 balsas de recollida para recoller toda a escorrentía, situadas nas zonas máis baixas e cada unha en cada conca e no cauce dos 4 regatos (As tres Regueiras e a Regueira da fonte de Currelos) que atravesan o campo de golf; e a construcción de 5 balsas de almacenaxe situadas nas partes máis altas. A capacidade de almacenaxe destas balsas supera os 200.000 m3 (practicamente 1/3 da capacidade do encoro de Baíña). Deste xeito, construiranse pequenos encoros no propio nacente dos catro regatos principais que abastecen á comunidade de augas de Baredo, o que supón unha disminución do caudal de auga contemplando incluso a posible modificación do curso dos regatos deixando consecuencias irreparábeis. Mais a pesares de concluir que todas estas infraestructuras son suficientes para as necesidades hídricas do campo de golf, prevén a construcción dun pozo, mesmo non define exactamente si pode ser só ún ou cabe a posibilidade de que sexan varios.
Os grandes desmontes e movementos de terras previstos no plan (case 200.000 m3). modificarán, dun xeito irreparable, as concas afectando directamente os cursos e caudais dos mananciais existentes. Do mesmo xeito, a sustitución da cuberta vexetal existente en 55 ha vai ter unha incidencia negativa e irreparable no caudal e na calidade das augas. Podendo chegar a contaminar a propia auga co uso de agroquímicos que serán necesarios para o mantemento da nova cuberta vexetal prevista que, na súa maior parte é céspede. O análise do impacto ambiental do propio plan cataloga a perda de solo cunha sinérxia acumulativa e dunha forma irreversible.
En canto ao gando e a fauna, a Serra da Groba é un hábitat natural no que destaca, entre outros, a fauna salvaxe con dono e sen dono que forma parte da súa biodiversidade. Sinálase que nas visitas de campo o avistamento faunícola tan só detectou unha grande variedade de aves, un tipo de rá e o xabarín. Éstes son superficiais e inexactos, en tanto en canto carecen de avistamentos de insectos (abellas, avispas, moscas, arañas, formigas), roedores (rato, esquío), réptiles (lagarta das silvas, lagartiña, serpes), só un anfibio como a rá (sapo, tritón) e tamén só un mamífero como é o xabarín, pero non se relaciona a presenza da raposas, coellos, e sobre todo a presenza de cabalos e vacas. É unha realidade por todos e todas coñecida que na Serra da Groba a actividade gandeira ten unha presenza e unha importancia notable. Gando vacún e cabalar en estado salvaxe son unha icona da propia serra. O atentado ambiental que supón rachar a biodiversidade dunha superficie de 70 ha expulsando a toda fauna en xeral, e aos cabalos e vacas en particular vai ser irreversible. Unha consecuencia directa vai ser o aumento da carga gandeira na Serra da Groba en xeral e sobre os montes veciños en particular, ademáis do aumento da presenza de animais nas leiras dos veciños e veciñas de Baredo por falta do alimento que lles proporcionaban esas 70 ha. Xa que logo, será moito máis difícil a sostibilidade económica para os gandeiros e gandeiras con perdas económicas cuantiosas e irreversibles. No propio plan recoñecese que o peche perimetral da área deportiva de As Costeiras será un obstáculo para os animais do monte.
Na Serra da Groba como hábitat natural que é, destaca, entre outros, a vexetación que forma parte da súa biodiversidade. Segundo o plan, a vexetación actual de As Costeiras consta de árbores (pinos e eucaliptos) e unha zona de toxo e queirugas. Semella difícil non facer notar a presenza de especies vexetais moi comúns como acivros, ruscus, carqueixas, espiño, saltasebes, cogomelos, xestas, fento, silvas ou musgo. A total modificación da vexetación en 55 ha vai ter consecuencias desastrosas e irreparabéis para a biodiversidade da zona e para a propia capa freática. Os danos, como contempla o propio plan van ser irreversibéis en toda a superficie.
Defínese a paisaxe coma unha ladeira de aproveitamento forestal. Máis non é só de aproveitamento forestal, tamén é de aproveitamento hidrolóxico, gandeiro e deportivo. O propio documento admite que estamos nunha zona de fraxilidade visual media-alta, onde calquera implantación ou cambio de uso pode supoñer significativos impactos visuais na contorna, concluindo que o valor paisaxístico da zona é alto.
Non se contempla ningunha actuación preventiva nin de protección. Xustificase baseándose na non existencia de elemento algún que haxa que protexer. O máis acaído sería prospectar a zona antes de realizar ningunha actuación. Máis, tendo en conta que arqueólogas da zona atoparon algún vestixio.
Segundo o documento, o Plan de Ordenación do Monte Veciñal en Man Común de Baredo non recoñece ningunha zona de especial interese paisaxístico pero é o propio documento quen conclúe que o valor paisaxístico da zona é alto.
Finalmente, os terreos da Comunidade de Montes Veciñal en Man Común de Baredo van ser expropiados polo Concello de Baiona. Determínase unha valoración económica da expropiación cun prezo de 3 €/m2 (un montante total de 2,027.400 €). Emprégase esta forma de usurpación encuberta, amparada pola recente modificación da Lei de Solo de Galiza (Febreiro do 2016), porque así os comuneiros e comuneiras de Baredo só poderán decidir si aceptan a expropiación a ese prezo ou non. Non cabe a oposición ao proxecto en base a un acordo asemblear. Mais a oposición veciñal non só pode depender, si fose posíbel esa alternativa, da oposición da propiedade dos terreos, xa que a implantación do campo de golf afectaría a toda a parroquia e en especial á súa comunidade de augas, É por isto que non só debe desbotarse a vía da expropiación, sinón que o Partido Popular debe comprometerse a que si os veciños e veciñas de Baiona, a Comunidade de Montes de Baredo e/ou a Comunidade de Augas se opoñen ao Plan Especial de As Costeiras, éste non se levará a cabo e optarase pola súa non execución, opción que o propio documento vén en denominar a "Alternativa Cero".
Por todo isto, o Bloque Nacionalista Galego solicitará que o Goberno Municipal desista de continuar coa tramitación do Plan Especial de Dotación e Infraestructuras As Costeiras (P.E.-4) do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Baiona, de tal xeito que non se produza modificación da calificación do solo, continuando éste como rústico de protección forestal.
O vindeiro Sábado día 9, a partires das 10 da mañá, o Bloque Nacionalista Galego celebrará no Centro Cultural de Baredo un encontro aberto para expoñer estas motivacións, para brindar o apoio a todos os veciños e veciñas da parroquia de Baredo e, por extensión, do Concello de Baiona que manifesten a súa intención de opoñerse a un proxecto inefizac, innecesario e con motivacións ocultas. Ademáis disto, contará coa presenza de Serxio Regueira, veciño de Moaña e membro da Plataforma en Defensa da Ría, que poderá relatar a experiencia vivida coa construcción de campo de golf de Domaio.
O convencimento do Bloque Nacionalista Galego é que si unha parroquia de Baredo unida e activa clama contra a construcción dun campo de golf en As Costeiras, non haberá Goberno Municipal presente ou futuro que sexa quen de atreverse a actuar na súa contra. Eis a forza da unidade veciñal e o BNG estará ao seu carón sempre que sexa preciso.