A Mancomunidade busca o consenso coa piscina mancomunada
Representantes do PP, PSOE e BNG asisten á convocatoria de xuntanza informativa co fin de estudar as únicas alegacións presentadas, as do BNG, ao prego de condicións da piscina mancomunada.
Tras rematar o período de alegacións dispoñible para todos os membros do Pleno da Mancomunidade do Val Miñor, só o Bloque Nacionalista Galego presentou alegacións ao mesmo. Unha das peticións realizadas polos concelleiros nacionalistas foi a celebración dunha xuntanza informativa previa ao Pleno extraordinario no que se aproben os pregos, celebrándose esta xuntanza no día de hoxe.
A esta xuntanza, convocada a todos os membros do Pleno, asistiron seis dos doce concelleiros representantes dos tres concellos miñoranos, contando con representación o Partido Popular, PSOE e Bloque Nacionalista Galego. Mesmo entre os asistentes non contaba o concello de Gondomar con ningún representante.
Tras a celebración da xuntanza informativa, na que os representantes do BNG expuxeron os seus razoamentos e aclaráronse cuestións das condicións para a concesión da piscina mancomunada, os asistentes acordaron que si ben o canon anual consistirá nun mínimo do 1% da facturación anual, este importe non poderá ser nunca inferior a 10.000 € e que a inversión mínima a realizar debe explicitarse no prego, co fin de que se garanta que o destino da mesma sexa o axeitado.
Entre as demandas da formación nacionalista tamén figuraba a valoración expresa da mellora enerxétiva, bioclimatización e a construcción dun vaso pequeno, vestiarios para os traballadores e a valoración da calidade na contratación laboral, evitando a precariedade e a busca na medida do posíbel de contratación a xornada completa.
Neste caso varias cuestións quedaron enriba da mesa co compromiso de poder abordarse si non no presente período de licitación, sí no seguinte, ao tratarse dunha concesión a cinco anos na que a amortización da inversión é máis reducida e se acomete como máis urxente a mellora na climatización das instalacións. Con todo, o Goberno da Mancomunidade comprometéuse a redifinir os pregos en base ás deliberacións da xuntanza informativa, pospoñendo a celebración do Pleno até telos definitivamente preparados.
En canto á petición de estudar a posibilidade de remunicipalización, os servizos técnicos comprometéronse a xustificar a súa oportunidade ou non. Éste é un feito que vén demandando o Bloque Nacionalista Galego, na convicción de que uns servizos públicos ben xestionados resultan nunha mellor prestación dos mesmos aos veciños e veciñas e a un menor custe.