O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO EN BAIONA VÉN DE CONCLUIR O PROCESO INICIADO COA SÚA XVI ASEMBLEA NACIONAL.
Piño Blach renova nas súas funcións de Responsábel local do BNG en Baiona
Nesta XVI Asemblea Nacional que abre a que vén denominándose "un tempo novo" Xosé Manoel Marcote, concelleiro do Grupo municipal, renovou a súa responsabilidade na Executiva nacional do BNG, desta vez asumindo a área de Participación e Transparencia.
Na asemblea local celebrada o pasado Sábado a militancia acordou unánimemente que Piño Blach renovase as súas funcións como responsábel local, asentando a transformación organizativa que en Baiona comezou coa candidatura encabezada por Iago Pereira nas eleccións municipais do 2015.
Ademáis da renovación de órganos a asemblea local debatiu sobre o balance de xestión da primeira metade de lexislatura e a situación política no concello de Baiona. Iago Pereira, unha vez rematada a asemblea local, concluía:
“Tras dous anos desta lexislatura o Partido Popular demostrou que non ten un proxecto para a Baiona que ten que ser, actuando con improvisación e preocupándose máis por tensións internas no seu partido que no ben dos baioneses e baionesas. A pesares do ánimo propositivo do grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas a actitude habitual do Goberno municipal foi o non por resposta. Moi significativo foi que o primeiro acordo adoptado por unanimidade en Pleno municipal e que por iniciativa do BNG solicitaba a creación dunha comisión de participación e transparencia, que só foi convocada fallidamente nunha ocasión. O Bloque Nacionalista Galego ten un proxecto claro e definido para a Baiona que ten que ser, coa innovación e participación como señas de identidade. Nestes dous anos presentamos preto de corenta iniciativas de distinto calado, centrándose nomeadamente no eido social, ecoloxía e innovación”.
O Bloque Nacionalista Galego afronta este segundo tramo de lexislatura co ánimo de presentar a súa proposta social e transformadora para o concello de Baiona, sabedores de que ésta cobrará cada vez máis forza canto máis apoio social sume no día a día.