A lingua galega no centro da polémica
Fai uns meses que o BNG en Baiona levou o pleno do Concello a Ordenanza do uso do galego, inexistente até o momento. Cabe sinalar que foi aprobada por unanimidade. No pasado pleno o portavoz do BNG, Iago Pereira, rogou que os informes e documentos técnicos fosen redactados en galego tal como di a ordenanza.
Por toda a veciñanza é sabido que o Bloque Nacionalista Galego é o único partido que defende, fai uso e respecta un valor fundamental do noso patrimonio inmaterial coma é a lingua galega. Un idioma cooficial que algúns partidos cuxo lema é “Galicia, Galicia, Galicia” definen coma dialecto. É tal a falta de respecto cara a cultura que avergoña incluso a xente que ven de fóra de Galiza.
O BNG lamenta a falta de respecto e sensibilidade que existe con todo que teña a ver coa nosa cultura e concretamente co noso idioma.
En anos anteriores criticouse que a programación do Baiverán estivese só en galego (cousa que non era certa) e este ano a polémica salta pola actuación dun artista galegofalante facendo uso da súa liberdade ao expresarse en galego.
É indignante ver coma partidos dunha beira e da outra non respectan nin se comunican en galego e fan eco dunha petición anónima para saltar cunha polémica absurda ou ben para modificar toda unha programación ou unha páxina web.
Os séculos escuros e a represión franquista non puideron borrar do mapa a nosa fala, pero grazas as políticas e prácticas dalgúns partidos seguimos a sufrir un descenso de galegofalantes preocupante. Seguen a pensar que o galego non ten cabida no espazo público, que é un idioma de segunda, menos no día das letras, que ao igual que noutras efemérides, queda moi correcto facer uso del nas redes sociais. Non nos enganemos, hoxe foi un suposto turista que se queixou, e foi abondo para darlle pulo e querer vetar a un artista, pero este acto deixa en evidencia unha ideoloxía reaccionaria co galego e coa diversidade de linguas doutros territorios dentro do estado español.
Dende o BNG seguiremos estando orgullosos do noso, e non só nas redes sociais nin nos documentos oficiais senón no día a día e transmitindo este tesouro a quen o saiba valorar.