A declaración de impacto ambiental desfavorable tumba o proxecto eólico en Baiona “Albariño I”
Na resolución cita que “a actuación proxectada non é ambientalmente viable”
A Dirección Xeral de calidade ambiental, sostibilidade e cambio climático ven de facer pública a Declaración de Impacto Ambiental (D.I.A.) relativa ao proxecto de contrución do Parque eólico Albariño I nos concellos de Baiona, Tomiño e Oia que é promovido pola empresa Ceólica Hispania filial do grupo multinacional Acciona.
Conclúe que os 6 aeroxeradores de 125 metros de altura proxectados son ambientalmente e paisaxísticamente inviables xa que o impacto que producirían nunha zona como a Serra da Groba é irreversible.
Dende o Bloque Nacionalista de Baiona amosamos a nosa satisfación desta Declaración de Impacto Ambiental xa que entendemos e partillamos a resolución citada: O brutal impacto paisaxístico e medioambiental para a Serra da Groba sería moi perxudicial.
Dende o B.N.G. apostamos polas enerxías renovábeis dentro dun modelo integral de ordeamento do territorio e que sexan sostibles e respetuosos co medio, co patrimonio e deben contar coa información e participación social axeitada. Xa que logo, deben estar integrados nunha ordenación do territorio onde os titulares das terras afectadas teñan poder de decisión para que poidan ser levados a efecto.
Non como fixo o goberno do PP da Xunta de Galiza que aprobou a Lei fomento de implantación de iniciativas empresariais, que elimina o poder de decisión das e dos titulares das terras sobre a implantación dos proxectos. Aparte de activar a tramitación administrativa de outros 975 proxectos industriais na época da pandemia.