A Concellería de Medio rural impulsa unha política activa de loita contra os lumes forestais
O Concello de Baiona, de mans da Concellería de Medio Rural encabezada por Iago Pereira, vén de asinar sendos convenios coa Xunta de Galiza e a FEGAMP en materia de prevención de lumes forestais.
“A despreocupación absoluta do goberno do PP en Baiona derivou na inexistencia até o de agora dun plano municipal de prevención e defensa contra lumes forestais e dun plano de emerxencias, como esixe a lexislación e ante a imposibilidade de elaborar un plan para este ano levou a que tomáramos a decisión de asinar este convenio coa Consellería de Medio Rural en prol de dotármonos de medios como prevención ante o que poida acontecer”, apuntou Iago Pereira.
O convenio establece a actuación durante tres meses dunha brigada de prevención, defensa e extinción de lumes forestais, composta por un xefe de brigada, un peón condutor e tres peóns, subvencionándose o salario dos operarios e operarias e os traballos realizados até un máximo de dez hectáreas. Para elo esíxeselle ao concello un vehículo axeitado, os epis correspondentes, maquinaria e materiais, un curso de formación de 16 horas para os operarios e operarias e o certificado médico coas probas correspondentes.
Os traballos a realizar están baseados nun Plano de actuacións preventivas que contempla actuar en vías e camiños forestais, áreas de cortalumes e faixas de xestión de biomasa forestal de titularidade municipal; superficies con titularidade descoñecida; e zonas de servidume de camiños e valgadas dentro da zona de xestión da biomasa. Por outra banda, o convenio de colaboración subscrito coa Xunta, FEGAMP e SEAGA céntrase na xestión de biomasa forestal nas faixas de seguridade secundarias e terciarias, garantindo as distancias do arborado e a súa limpeza.
Este convenio tamén permite a adhesión ás comunidades de montes e propietarios particulares, cun custe de 300 € por hectárea. Todos os traballos a realizar a través deste convenio serán executados pola empresa SEAGA até o ano 2.022. Mais tamén vai permitir levar adiante proxectos piloto para loitar contra o abandono das terras e a xestión da biomasa forestal baixo uns criterios posibles para o Concello de Baiona, o que pode permitir poñer en valor os propios terreos da xestión da biomasa forestal de xeito multifuncional e sostible con iniciativas como árbores froiteiras, camelias ou prantas mediciñais, proxectos que ademáis contarían con importantes axudas públicas.
“A inexistencia dun plano municipal de prevención e defensa contra lumes forestais e dun plano de emerxencias son unha tara excesiva á hora de propoñer calquera tipo de actuación en materia de prevención de lumes forestais, polo que esta é unha das nosas principais prioridades. A pesares de que este convenio conta con diversos inconvintes, é a mellor solución a corto prazo para Baiona na prevención de lumes forestais xa que a inoperancia da anteriror concellería do PP levounos a estar incumprindo coa Lei. Este paso vai brindar a oportunidade de manter un contacto constante coas comunidades de montes e activar o Consello sectorial do Medio rural, co fin de mellorar as futuras alternativas e impulsar a creación de novos proxectos piloto que sexan transformadores e co obxectivo da busca da multifuncionalidade das zonas rurais”, dixo Iago Pereira.