O BNG presenta alegacións ao Anteproxecto de explotación do Plan de Transporte da Xunta
Cunha publicación do anteproxecto o 23 de Xullo e con vinte días para poder estudalo e alegar, así foi como A Xunta de Galiza de Alberto Núñez Feijóo pretende aprobar a modificación das liñas de autobús que afectan a Baiona para os vindeiros dez anos.
Con colectivos sociais en pé polo deficiente servizo no Val Miñor, coas empresas concesionarias recelosas por unhas condicións que incitan a concesión a grandes empresas en detrimento das pequenas e medianas que até o de agora viñan dando o servizo nas distintas comarcas, mais cun Bloque Nacionalista Galego preparado para presentar a súa visión radicalmente oposta a do Partido Popular, así é como a Xunta de Galiza tenta aprobar pola porta de atrás a explotación de liñas e servizos do Plan de transporte galego.
Partindo da base de que o documento é o suficientemente complexo como para que a súa análise durante o período de exposición pública debera ser maior para cumprir o principio de transparencia, que ten numerosos erros de bulto e que o seu xeito de presentación reforza aínda máis a incomprensión ao común da veciñanza a principal reclamación que se debe realizar é que se anule a tramitación co fin de presentar un novo documento, claro, conciso e mediante unha plataforma de consulta que facilite a súa comprensión e que, ademáis, se dote dun prazo de alegación que non sexa en período estival e que teña unha duración maior.
O Partido Popular ten o antidemocrático costume de menoscabar os períodos de alegacións, na busca da excusa de que aproba documentos sin oposición. Pola contra, para o BNG os períodos de alegacións son momentos non só de análise e de elaboración de propostas, sinón tamén de contraste cos colectivos e entidades sociais. Xa que logo, a creación dunha parada e axeitadas expedicións para cubrir o servizo de transporte ao IES Primeiro de Marzo é outra demanda social que se considera.
A visión do BNG sobre o transporte público colectivo non se basea no mero feito de realizar traslados da periferia á cidade, trátase de vertebrar o territorio, de dar cumprida solución ás demandas da veciñanza e de contribuir á reducción do transporte individual e privado como medida de benestar e medio ambiental.
Entre diversas propostas e alegacións, o documento presentado polo BNG en Baiona sinala que non é lóxico que só exista unha liña diaria de ida desde Belesar e nin siquera haxa unha de volta. Mesmo recoñecendo a concesionaria actual que esta liña é deficitaria polo seu escaso uso a alternativa non é a supresión, sinón a busca dunha utilidade que permita aos veciños e veciñas de Belesar considerar o transporte en autobús como unha alternativa ao uso do coche ou a moto.
A parte deste sinsentido, non dá cobertura nin servizo as parroquias polo que o BNG propón a instauración dunha liña circular municipal que conecte as distintas parroquias coas liñas regulares que transcurren polo concello de Baiona. Ademáis, o BNG incide nas frecuencias ao CUVI e o Hospital Álvaro Cunqueiro ou a ausencia de liñas que permitan o acceso ao Meixoeiro e a Casa do Mar de Vigo, sinalando que é obriga da Xunta de Galiza contribuir a que a veciñanza poda mudarse a un hospital de xestión pública e que conte coas mesmas posibilidades de transporte que ao hospital de xestión privada.
Tamén resalta que a creación da liña ao Areal sexa só para dar servicio ao ocio nocturno de verán e non se contemple ao principal edificio administrativo da Xunta na área de influencia de Vigo, que se atopa precisamente na mesma zona. Non pode deixar de mencionarse neste eido que a principal eiva para un correcto servizo público de transporte colectivo é a falta de integración do transporte urbano de Vigo e o servizo regular de Gondomar no Transporte metropolitano, permitindo así transbordos sin custe e bonificacións no custe dos tránsitos e ter o servizo co IES Escolas Proval e o Centro de Saúde do Val Miñor.
O documento de alegacións, que consta de 17 propostas, pode consultarse no documento adxunto ou no seguinte enlace.