O BNG aposta pola humanización das rúas
A asemblea local do BNG en Baiona acordou por unanimidade rexeitar a proposta difundida na prensa do día de onte, na cal o Sr. Alcalde afirma que vai a proceder á deshumanización da rúa Carabela a Pinta abríndoa permanentemente ao tráfico, salvo en puntuais ocasións.
Non só a veciñanza vese beneficiada por contar cun espazo peonil no centro da vila, sinón tamén o comercio, ao aumentar os tránsitos a pé e optimizando a afluencia de potenciais clientes. Consideramos errado afirmar que as vías con tránsito rodado beneficien ao comercio local, tendo en conta tamén que nesta rúa ningún dos seus edificios conta con aparcamento soterrado. A apertura permanente ao tráfico non xenerará aparcamentos que beneficien ao comercio, posto que as prazas dispoñíbeis serán nomeadamente ocupadas por residentes.
Unha das señas de identidade da xestión municipal do BNG é a humanización das vilas e cidades, mediante unha reordenación que devolva as rúas á veciñanza e alonxe os vehículos dos espazos de tránsito. A avenida semipeonalizada de Carabela a Pinta replicaba ese modelo, aínda que o Partido Popular non se atreveu a completar esta humanización cunha peonalización na súa totalidade. A Praza da Independencia ou o Calvario en Vigo foron actuacións do BNG desde o Goberno municipal que contaron cunha importante oposición inicial tanto de comerciantes como veciñanza, mais o convencimento de que resultaría positivo para ambos levou a que a xestión municipal non flaquease. Hoxe son dúas zonas onde a ningún goberno municipal se lle ocurriría voltar a introducir o tráfico rodado e tanto comerciantes como veciñanza disfrutan do incremento da súa calidade de vida, opoñéndose agora a calqueira medida neste senso.
Nin que decir ten que os recoñecementos internacionais do Concello de Pontevedra non veñen por inzar de coches o seu centro urbán, sinón por todo o contrario. O Premio Cidade de Pedra, o Premio Internacional de Dubai auspiciado pola ONU, o Premio Movilidade Sostíbel, o Active Designs ou o Intermodes englosan as filas de galardóns que certifican o éxito deste modelo.
Mais esta política saudábel e sustentábel non é froito da improvisación, sinón dunha mentalidade que pón ás persoas no foco de atención e que se preocupa porque as vilas estean vivas e non invadidas por vehículos ruidosos e contaminantes.
Xa que logo, o BNG demandará do Alcalde unha reconsideración desta medida porque a veciñanza de Baiona explicitou claramente que quería un cambio de rumbo e unha Baiona mellor xestionada.