XESTIONAR A GOLPE DE TITULAR

As restricións para o uso dos areais, dos parques infantís e da actividade comercial, un grande problema para Baiona
XESTIONAR A GOLPE DE TITULAR

A Xunta de Galiza e o goberno do Estado español cando se atopan con novas problemáticas que afectan directamente á veciñanza entenden que xestión é ditar o que facer, máis sen propostas que fagan viable estes ditames.

Xa que logo, estas administracións lexislativas obrígannos a cumprir Leis, Decretos e reais Decretos que engaden unha sobre-presión aos Concellos que, coma administración máis preta ás persoas, temos que inventar como facelas viables cando, en moitos casos, é imposible levalas a cabo por carecer das ferramentas axeitadas.

Este tipo de funcionamento político-lexislativo non é un mal derivado dunha pandemia. Forma parte da deficiente xestión propia da Xunta de Galiza do goberno do Partido Popular. Exemplos como a xestión dos animais en estado de abandono, a retirada dos múltiples niños de vespa velutina que aparecen cada ano ou a xestión do cumprimento da Lei no que atinxe as faixas de limpeza da biomasa forestal das fincas de veciños e veciñas, cumpre cos mesmos parámetros anteriores.

Na actualidade e debido a este novo escenario derivado da COVID-19 existen unhas novas lexislacións que limitan ás persoas o uso do espazo público pero sen determinar como facelo :
Restrínxese o uso das zonas de praias e, nun Concello como o noso con cinco areais de diversidade morfolóxica, uso e tamaño, o control mecanizado de aforo ascendería a máis de cen mil euros, o control por parcelamento a máis de sesenta mil e non hai capacidade humana de ter vixiantes permanentes e en todos os espazos.
Ditaminan que os parques infantís poden abrirse ao uso pero baixo uns condicionamentos que para poder ser utilizados polas nosas crianzas requiren un mantemento hixiénico e sanitario constante que elevaría o custe a vinte mil euros por parque.
A limitación do uso de toda a actividade comercial e a obriga de cumprir o distanciamento entre persoas traslada, doutra vez máis, o problema ás administracións municipais. O Casco Vello de Baiona é unha zona comercial, con establecementos de pequena superficie e onde as rúas teñen unha anchura de apenas tres metros. É fisicamente imposible cumprir o regulamentado.

Xestionar non so é crear un Decreto, real Decreto ou Lei para “supostamente” abordar e solucionar unha problemática. Xestionar é darlle viabilidade as solucións e trasladala á realidade para poder ser aplicada dun xeito efectivo. É moi doado dirixir un país a golpe de titular.

XESTIONAR A GOLPE DE TITULAR