A loita pola igualdade durante o confinamento
Dende que o BNG comezou a traballar na área de igualdade do Concello de Baiona o noso obxectivo é levar adiante as medidas recollidas no IV Plan de Igualdade para acadar unha sociedade máis xusta. Un amplo abano de accións que levará tempo facer realidade, pero do cal xa se ten feito moito en prol da igualdade dende o primeiro momento.
15 abr. 2020 - 01:17
O pasado 11 de Marzo perante as advertencias que nos viñan chegando sobre as consecuencias que podía ter esta crise, tivemos que tomar decisións e comezar a cancelar actos e programas cuxo obxectivo era promover a igualdade no noso Concello.
Viñamos de inaugurar a Primavera Lila, unha programación deseñada pola concellería de Igualdade en colaboración con mulleres representativas de Baiona as cales xogarían un papel fundamental para o desenvolvemento deste programa.
Puidemos levar adiante a presentación onde amosamos o mural colectivo “Guías na Igualdade” deseñado por Irene Silva e feito en colaboración co alumnado do CPI Cova Terreña. Tamén deu tempo a que a campioa baionesa,Mila López Vernet, puidera contar a súa experiencia como muller con mobilidade reducida nun mundo tan masculinizado coma o ciclismo adaptado.
Quedaron cousas por facer pero que grazas á tecnoloxía e ás redes sociais estamos a levar adiante. Dentro desta programación estaba marcada a ampliación do punto de Interese Feminista da biblioteca onde se faría lectura de fragmentos literarios escritos por mulleres. Esta actividade presencial truncouse pero estamos a levala adiante a través de Instagram e Facebook, son varias as persoas que nos fan chegar os seus vídeos, grazas a eles estamos a darlle voz a todas esas creadoras que foron silenciadas ou non tiveron o espazo que se merecían polo simple feito de seren mulleres.
Servizos de atención ás vítimas de violencia de xénero
Dende o pasado día 13 de Marzo, a Xunta de Galicia tomou a determinación de pechar tódolos centros sociocomunitarios, en Baiona, o CIM está ubicado nun deses centros polo cal a atención presencial ás vítimas viuse afectada. A equipa do CIM segue a traballar de forma telemática e en caso de urxencia se a situación o requirise, atenderíase de xeito presencial tomando as medidas de seguridade precisas.
Estase a seguir coas labores de asesoramento xurídico e psicolóxico, ademais do asesoramento e tramitación de axudas que seguen en vigor. Dun xeito paralelo tamén se está facendo un seguimento das usuarias a través de chamadas telefónicas para que nos informen da súa situación e poder axudarlles no caso de que así o precisaran.
Dende o comezo do confinamento non se deu ningunha nova alta de vítimas de violencia no Concello de Baiona, esperamos que a situación non mude. Dende ás redes sociais continuamos con campañas informativas sobre recursos para ás vítimas e pedimos a colaboración cidadá no caso de que presencien unha situación de violencia inda que somos conscientes de que é moi difícil controlar os casos que descoñecemos neste estado de confinamento.