CONSUMÓUSE A OPORTUNIDADE PERDIDA PARA QUE O PLENO MUNICIPAL APROBASE UNS ORZAMENTOS DE CONSENSO
Uns orzamentos tinguidos pola irresponsabilidade
Unha vez que a situación da Corporación Municipal mudou era a hora de que todos os partidos fosen responsábeis e esa responsabilidade máxima tiña que recaer na equipa de goberno, polo que debeu producirse unha tramitación consensuada dos orzamentos. Ninguén debería pretender aproveitar esta situación para tirar rédito partidista e moito menos bloquear o concello por revanchismo político.
Toda esta inestabilidade que o Partido Popular xenerou cos seus problemas internos, co campo de golf, coas sentenzas xudiciais, son os veciños e veciñas quenes están a sufrir esta mala xestión, que ao fin e ao cabo certifica un fin de ciclo dun goberno esgotado.
A forma de traballar do BNG refréndase unha vez máis realizando a tarefa que lle corresponde, traballando sobre os orzamentos e propoñendo unhas emendas de mínimos para que sexan uns orzamentos sociais, mais en ningún caso derivando no seu apoio.
Nesa responsabilidade o BNG foi o único en presentar alternativas ao PXOM, ao campo de golf, na declaración institucional polo 25N ou ao IV Plan de Igualdade este Homes e Mulleres (PIOM), polo que do mesmo xeito presentou emendas aos orzamentos.
As achegas do BNG, apoiadas por unanimidade, derivan na creación dun programa contra a pobreza enerxética dotada con 5.000 €, a adhesión ao Fondo Galego de Cooperación Internacional por 2.000 €, o desenvolvemento do IV PIOM por 5.000 €, a creación dunha partida de asistencia social primaria para equipamento escolar e outra para comedores escolares, cada unha delas por 2.500 €, un programa de obradoiros e cursos sociais por 10.000 €, unha partida adicada á terapia familiar e psicolóxica por 8.000 € e un programa de educación familiar por 8.000 €.
Todos estes novos programas e partidas sociais, que conforman a totalidade de 43.000 € minoran partidas correspondentes a atencións protocolarias e de publicidade e propaganda.
O resultado final foi un Pleno Municipal cunha concelleira recusada por mandato legal, un PSOE ausente e un Partido Popular que estando en minoría acaba aprobando os orzamentos en solitario.
Con todo, a responsabilidade de EU e BNG achegando emendas que melloraron notablemente o documento inicial non palía o mal sabor de boca que deixa un debate tosco e que non merece o noso concello. Baiona precisa responsabilidade, capacidade de diálogo e defensa dos intereses da veciñanza por riba dos partidistas, ese é o obxectivo principal daqueles que ostentan a representación política e o BNG sempre o abandeirará, por dignidade e coherencia.