AS INICIATIVAS DO BLOQUE NACIONALISTA GALEGO SERÁN DEBATIDAS NO VINDEIRO PLENO DA MANCOMUNIDADE DE CONCELLOS DO VAL MIÑOR
O BNG solicita a elaboración dunha bolsa pública de emprego e a construción dun local axeitado para o G.E.S.
A atención das emerxencias constitúe un servizo esencial. Esta función na nosa comarca ven sendo desenvolvida polo Grupo de Emerxencias Supramunicipal do Val Miñor, grupo que na actualidade ten minguada a súa capacidade de actuación ao sofrer varias baixas de longa duración e as baixas derivadas da covid 19. Esta situación ten provocado múltiples problemas chegando a extremos de estar só un efectivo por quenda, o que limita o funcionamento adecuado do GES.
A forma habitual de resolver este problema é acudir á contratación temporal de efectivos, circunstancia que neste caso non se pode levar a cabo por non haber unha bolsa operativa de contratación, xa que a última existente data de 2013 co que, ademais de caducada, é absolutamente inservíbel.
Por parte da representación legal dos traballadores da Mancomunidade enviáronse varias veces durante o pasado ano 2021, propostas de bases para a convocatoria da citada bolsa, nun afán de colaborar na resolución da situación, sen que por parte da institución se fixera nada ao respecto.
O BNG considera fundamental elaborar de xeito inmediato unha listaxe de aspirantes de maneira áxil, xa sexa por concurso ou por concurso-oposición, toda vez que se trata de contratacións temporais.
A maiores desta problemática non queremos deixar de chamar a atención sobre a desaxeitada localización da sede do GES, ao lado dun instituto de educación secundaria que concentra en determinadas horas innumerábeis vehículos e persoas que poden dificultar enormemente as saídas de emerxencias, ao marxe de compartir o edificio con outros servizos do Concello de Nigrán.
Xa que logo, o BNG solicita que se inicien os pertinentes contactos e xestións para a construción dunha sede axeitada para o GES Val Miñor no parque empresarial de Porto do Molle, sen dúbida un emprazamento moito máis idóneo que o actual.