ANA MIRANDA E CARMELA GONZÁLEZ PRESENTARÁN INICIATIVAS NA DEFENSA DO SANEAMENTO E A REXENERACIÓN AMBIENTAL DESTE ESPAZO DA REDE NATURA
O BNG leva á Eurocámara e ao Parlamento galego a contaminación da Foz do Miñor
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e a deputada no Parlamento Galego, Carmela González, anunciaron que no Parlamento Europeo e no Parlamento Galego presentarán iniciativas sobre a contaminación que existe na Foz do Miñor, que xera graves problemas medioambientais e económicos, ao provocar dende hai anos o peche do banco marisqueiro.
“A rexeneración deste espazo, que forma parte da Rede Natura debido a súa diversidade, é unha prioridade para o BNG”, defenderon Ana Miranda e Carmela González, tras o encontro que mantiveron cos concelleiros do Bloque en Baiona, Iago Pereira e Yasmina Moreira, o responsable local de Nigrán, Xavier Rodríguez, e unha delegación da Confraría de Baiona, encabezada polo seu patrón maior, José Miguel Sotelo.
Tras a visita á Foz do Miñor as nacionalistas defenderon a necesidade de poñer en marcha un proxecto que inclúa o saneamento deste espazo natural, dos ríos e da Foz do Miñor, e a súa rexeneración ambiental. Segundo salientou Carmela González “é fundamental a supresión da contaminación que afecta ao banco marisqueiro, a ordenación dos recursos, a eliminación dos impactos ambientais e paisaxísticos, a restauración da contorna”.
“Esta rexeneración ambiental debe servir para recuperar o banco marisqueiro”, salientan as nacionalistas, quen lembran que hai anos eran 50 as familias que vivían da actividade extractiva. Neste sentido a deputada Carmela González insta ao goberno galego a actuar conxuntamente cos concellos afectados e buscar solucións a ao problema da contaminación da Foz do Miñor, que consideran “moi grave”.
Miranda e Gonzalez, por outro lado, sinalan que esta degradación da Foz do Miñor vaise agravando paulatinamente, polo que a Confraría de Baiona transmitiu a súa preocupación por que a afectación alcance á totalidade da enseada de Baiona e afecte aos bancos marisqueiros abertos na actualidade.
Estudo da Universidade de Vigo
Neste sentido, as nacionalistas salientan que xa un estudo realizado en 2018 pola Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT), da Universidade de Vigo, concluía que, dende o punto de vista da contaminación por augas fecais, a contorna deste espazo protexido presenta unha situación análoga a “unha cloaca a ceo aberto”. “Estamos diante dun problema que se prolonga no tempo e que urxe solucionar dunha vez por todas”, manifestan.