O BNG oponse o parque eólico na Serra da Groba polo seu impacto ambiental e patrimonial “crítico”

A fronte nacionalista presenta alegacións para esixir que se denegue a autorización para o proxecto Albariño I neste espazo natural.

A deputada no Parlamento de Galiza, Carmela González, alerta deste novo exemplo do “modelo especulativo e depredador do PP que só beneficia ás multinacionais eléctricas”.

O concelleiro do BNG de Baiona, Iago Pereira, denuncia que a instalación deste parque atentaría contra o potencial patrimonial, arqueolóxico e medioambiental da zona.

O BNG oponse o parque eólico na Serra da Groba polo seu impacto ambiental e patrimonial “crítico”

O Bloque Nacionalista Galego vén de mostrar este martes a súa oposición o proxecto eólico Albariño I polo seu impacto ambiental e patrimonial “crítico” na serra da Groba. Desde a fronte nacionalista presentaron alegacións para esixir que se denegue a autorización administrativa para a instalación neste espazo natural dun parque que afectaría aos concellos de Baiona, Gondomar, Tomiño e Oia.

“É un exemplo máis dese modelo especulativo e depredador do PP, que defende únicamente o lobby eléctrico, que beneficia ás multinacionais pero que prexudica o medio rural e o medio ambiente de Galiza”, advertiu a deputada nacionalista no Parlamento galego, Carmela González. En contraposición, defendeu o modelo do BNG que “é poñer o vento o servizo do país, das galegas e galegos”.

Unha representación institucional e orgánica do BNG dos concellos do Val Miñor concentrouse no Alto da Groba para demandar a paralización do proxecto. Entre eles, o concelleiro do BNG en Baiona, Iago Pereira, que puxo en valor o “enorme potencial patrimonial, arqueolóxico, paisaxístico e natural” que se vería ameazado por este “agresivo” proxecto eólico. “Vai supoñer unha modificación que afecte as aves de paso, a flora e a fauna, as vías fluviais, así como a funcionalidade do monte, moi importante nestas zonas entre outras pola actividade gandeira”, explicou Pereira.
Por estes motivos, desde o BNG presentaron un escrito de alegacións diante da Consellaría de Economía, Empresa e Innovación esixindo a denegación da autorización administrativa e rexeitando o intento de declarar como de utilidade pública a posta en marcha do parque eólico Albariño I. A fronte nacionalista criticou nese sentido a cualificación por parte da Xunta dos impactos como moderados, malia as numerosas afectacións que vai ter sobre o entorno.

A deputada do BNG no Parlamento de Galiza subliñou catro puntos fundamentais que deben cumprir estes proxectos eólicos a xuízo das nacionalistas: un modelo sustentábel que protexa os recursos de Galiza, con participación pública nos beneficios dos recursos enerxéticos e onde os parques estean vencellados a proxectos industriais que permitan crear emprego e riqueza. Todo isto acompañado dunha aposta por estabelecer unha tarifa eléctrica galega que permita rebaixar a factura da luz en Galiza como productora excedentaria de enerxía.

O BNG oponse o parque eólico na Serra da Groba polo seu impacto ambiental e patrimonial “crítico”