O BNG insta á Xunta a paralizar os proxectos eólicos na Serra da Groba, a Serra do Galiñeiro, o monte Valga e a costa de Oia
Luís Bará denuncia a política eólica do PP para beneficiar intereses empresariais e pide ao goberno que escoite as demandas da cidadanía e aos concellos do Partido Popular que rexeitan os proxectos
Santiago de Compostela, 10 de decembro, 2021.- Pleno.- O portavoz de medio ambiente do BNG, Luís Bará instou á Xunta a “paralizar os proxectos eólicos” previstos na Serra da Groba, Serra do Galiñeiro, monte Valga e a costa de Oia polo seu impacto lesivo nun medio protexido.
A través dunha pregunta parlamentaria, o nacionalista trasladou ao goberno “o clamor social e institucional” contra os proxectos eólicos pola súa “alteración e degradación” de serras de grande interese e riqueza. O goberno, dixo debería ter en conta que 170 colectivos rexeitan estes proxectos ao que sumou miles de sinaturas pedindo a súa paralización.
Por outra parte, engadiu que os plenos de 8 concellos do Baixo Miño e Val miñor, de todas as cores políticas, “incluída ao do Partido popular” rexeitan estes proxectos. Por que o goberno galego quere destruír hábitats que deberían estar protexidos pola Rede Natura? preguntou Bará ao vicepresidente Segundo e conselleiro de Economía. A xuízo do deputado, a teimosía do PP mantendo unha “política depredadora” responde ao interese de beneficiar a empresas privadas, “poñéndoas por riba dos intereses da xente, do medio e do país”.
Coa súa decisión, afirmou, que o PP quere pasar por áreas declaradas de interese paisaxístico prioritario. Queren destruír humidais protexidos e hábitats esenciais para o cabalo galego do monte, especie característica da Serra da Gobra, do Galiñeiro e da Valga. Así é como queren vostedes coidar o monte? volveu a preguntar, mentres amosaba unha fotografía da manifestación multitudinaria o pasado 16 de maio, na Serrra da Groba. “Miles de persoas manifestándose contra a política do Partido popular”, foron persoas, explicou o nacionalista, que non se manifestaron contra a enerxía eólica e as enerxías renovables, “manifestáronse contra a prepotencia e imposición do Partido popular” e no van permitir a destrución do seu monte, do seu medio e do seu modo de vida”.
Pola súa parte, o conselleiro de Economía, Francisco Conde rexeitou as denuncias do formuladas polo nacionalista e acusou ao BNG de permitir proxectos eólicos durante o goberno bipartito ao que Luís Bará replicou que o conselleiro “mentía” porque o goberno do BNG impediu construír parques eólicos na “Rede Natura” no ano 2008 e de ampliarse a Rede Natura, os parques aos que nos estamos a referir “estarían pechados nun caixón e non en tramitación” , polo tanto é “a súa responsabilidade favorecer que sexan tramitados”.
Bará aludiu ás declaracións da alcaldesa do Partido popular de Oia, Cristina Correa que animaba ao goberno a explorar outras alternativas porque “inzar a serra de muíños non parece o máis adecuado”. O mesmo concello que presentou 35 alegacións criticando os parques eólicos ao igual que os 8 concellos doutras comarcas que se opuxeron tamén aos proxectos.
Unha representación de diferentes colectivos asistiron ao debate da pregunta do BNG na que Bará se referiu ao estudo elaborado polo Instituto de estudos do territorio, dependente da Xunta que fixo “un informe contrario” á instalación do parque eólico Albariño I polo impacto crítico sobre os valores de interese paisaxístico das zonas afectadas.
Ante todas estas evidencias, urxe “dar carpetazo” aos proxectos na Serra da Groba, a Serra do Galiñeiro, Monte Valga, e a costa de Oia e desenvolver “ un modelo eólico sustentable, xusto, respectuoso co medio, coas as persoas e que favoreza o desenvolvemento do país”.