O BNG defende a prioridade da pesca ante a ameaza do macroparque eólico mariño do Volanteiro
A fronte nacionalista celebra en Baiona un encontro con confrarías e colectivos ambientais no que esixe poñer por diante os intereses dos sectores produtivos galegos fronte aos das multinacionais estranxeiras que promoven estes proxectos
Rosana Pérez, portavoz de pesca: “As galegas e os galegos temos dereito a ordenar o noso litoral e a definir a nosa política enerxética en función das nosas necesidades”
O Bloque Nacionalista Galego defende a prioridade do sector pesqueiro fronte á ameaza do macroparque eólico mariño do Volanteiro, proxectado a menos de 30 quilómetros da costa da Guarda e a 50 quilómetros do litoral de Vigo. A fronte nacionalista vén de celebrar en Baiona un encontro con confrarías e colectivos ambientais no que esixiu poñer por diante as necesidades dos sectores produtivos galegos fronte aos de multinacionais estranxeiras que promoven estas instalacións, con graves impactos sobre as zonas afectadas.
“Galiza é unha das principais potencias pesqueiras europeas e toda esa riqueza e ese potencial non se poden someter aos intereses de empresas multimillonarias que ningún beneficio deixan no noso país”, asegurou a portavoz de Pesca do BNG no Parlamento de Galiza, Rosana Pérez, no acto no que tamén estiveron presentes representantes institucionais do BNG dos concellos afectados nas comarcas de Vigo e do Baixo Miño.
A deputada nacionalista sinalou que o “elemento chave” neste debate é “quen manda no noso mar”. Nese sentido, reclamou o dereito das galegas e dos galegos a “ordenar e regular o noso litoral e a definir a nosa política enerxética en función das nosas necesidades e das nosas potencialidades”, e non de intereses alleos que explotan os nosos recursos sen ter en conta as consecuencias sobre o medio e os sectores produtivos. Nese sentido, acusou a PP e PSOE de connivencia cos promotores destes parques eólicos mariños, dos que existen hoxe 7 proxectos en trámite nas costas galegas. No caso do proxecto do Volanteiro suporía a instalación de 34 aeroxeradores, cunha potencia total superior aos 500 MW, sobre unha superficie de 95 metros cadrados.
Pérez afirmou que para o BNG a importancia do sector pesqueiro e marisqueiro ten que prevalecer dende o punto de vista dos intereses económicos, sociais e ambientais do País. Así, reclamou que o sector enerxético conte con intervención e participación pública para evitar, como acontece baixo o goberno do PP na Xunta, que grandes empresas “pasen por riba de quen faga falla, tal e como está a acontecer coa eólica terrestre e pode ocorrer, se non freamos este novo atropelo, coa eólica mariña”.
No encontro interveu tamén o biólogo e coordinador do grupo de traballo de Pesca do BNG, Joam Luis ‘Césio’ Ferreiro, que advertiu de que se están a esconder os graves impactos de proxectos de eólica mariña sobre o litoral galego mentres se publicitan as súas bondades. “E máis nun País como Galiza que é altamente dependente dos seus recursos mariños”, salientou.
Desde a fronte nacionalista reiteraron o seu total apoio as reivindicacións do sector pesqueiro e marisqueiro sobre a implantación destes macroparques, e anunciaron que van seguir traballando para que a eventual instalación de muíños eólicos na costa galega quede supeditado aos seus efectos sobre a capacidade produtiva, en especial da frota de baixura, e do medioambiente.