Vivenda protexida en Baiona
O Bloque Nacionalista Galego, a través da parlamentaria pola provincia de Pontevedra Carme Adán, vén de presentar unha enmenda aos orzamentos da Xunta de Galiza pola que se solicita unha dotación económica por importe dun millón e medio de euros que permita a construcción de vivendas protexidas en réxime de aluguer no Concello de Baiona.
A presión inmobiliaria orixinada pola errada concepción do Concello de Baiona como unha vila eminentemente turística provocou unha suba desproporcionada do prezo da vivenda, incluso a de aluguer. Un impulso á construcción de vivendas protexidas viu dado pola Xunta de Galiza no 2006, acadándose a construcción de 17 vivendas VPA en réxime de propiedade. Esta fórmula hoxe en día non é posíbel debido ás importantes restriccións económicas impostas polas entidades de crédito. Ante a negativa da Xunta de Galiza a impulsar unha banca pública galega non existe máis alternativa que achegar solucións imaxinativas. Neste caso prantéxase a construcción de vivendas de protección oficial en réxime de aluguer durante cincoenta anos, cedendo o solar o Concello de Baiona (na actualidade existen dous: PERI III do Burgo e Os Tendais en Baiona) para que a Xunta de Galiza realice a construcción das vivendas e, unha vez rematadas, sexan alugadas a un prezo asequíbel que servirá así mesmo como fonte de recuperación da inversión tanto á Xunta de Galiza como ao Concello de Baiona.
Esta opción de acceso á vivenda vén expresamente reflectido no recientemente aprobado Plan de Vivenda Estatal 2013-2016, no que se elimina completamente o concepto de vivenda protexida en propiedade. Mais o garante do dereito a unha vivenda digna ben pode darse cumprido mediante a opción do aluguer, sobre todo si esta opción vén dada a través da autoxestión dos edificios resultantes.