Moción - Libre decisión sobre a maternidade
O 4 de setembro celebrouse o Día Mundial da Saúde Sexual. Segundo a OMS a saúde sexual é "un estado de benestar físico, emocional, mental e social, relacionado coa sexualidade, non só a ausencia de enfermidade, disfunción ou incapacidade. Para que se acade e manteña a saúde sexual, os dereitos sexuais de todas as persoas deben ser respectados, protexidos e exercidos con plenitude.
A Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo, garante para as mulleres a libre decisión sobre a súa maternidade, unha parte fundamental dos dereitos sexuais. O Goberno do Estado vén de manifestar a súa decisión política de recortar de xeito moi grave ese dereito. O BNG tense manifestado en numerosas ocasións en contra deste recorte anunciado, igual que o teñen feito numerosas plataformas e organizacións de mulleres en Galiza e no Estado. O BNG ten asemade reclamado a necesidade de que o Goberno galego elabore unha normativa propia que manteña estas garantías malia as modificacións que se fagan na normativa estatal.
O 28 de setembro celébrase en Latinoamérica dende 1990 o Día de Acción Global para un Aborto Legal, celebración á que este ano 2012 sumarémonos tamén en Galiza. Con motivo destas celebracións, é preciso que novamente as institucións manifesten claramente o seu apoio ao mantemento deste dereito das mulleres á interrupción voluntaria do embarazo garantido coa lei actual de prazos.
Polo o exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes acordos:
- O Concello de Baiona comprométese a defender os dereitos das mulleres e manifestarse contra a derrogación da Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo, que garante para elas a libre decisión sobre a súa maternidade.
- Demandar do Goberno galego que inste ao Goberno do Estado ao mantemento da devandita lei.
- Demandar do Goberno galego o desenvolvemento dunha normativa propia que garanta os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres galegas.
- O Concello de Baiona apoia as iniciativas e mobilizacións reivindicativas dos dereitos das mulleres realizadas polas diferentes plataformas e asociacións actuantes en Galiza e concretamente as convocadas para o 28 de setembro.
- Enviarlle este acordo ao Presidente da Xunta de Galiza e ao Presidente do Goberno do Estado.