O BNG solicita medidas no Parlamento para que rematen os abusos de Portos de Galiza
Iago Pereira, Portavoz Municipal do BNG en Baiona acompañou na comparecencia de Ana Pontón na que anunciou a presentación dunha iniciativa parlamentar na que solicitará eximir aos concellos das taxas portuarias, desafectar os espazos portuarios para convertelos en terreos municipais e modificar o réxime de sancións aos concellos con portos
O Grupo Municipal do BNG en Baiona trasladou ao seu Grupo Parlamentar as inquedanzas da veciñanza baionesa en relación á prohibición de pescar no Porto de Baiona. Esta actividade está fondamente enraizada na tradición baionesa e a Lei de Portos de Galiza a prohibe.
Máis aló disto, Ana Pontón denunciou que Portos de Galiza aplica aos concellos con portos unhas taxas abusivas pola utilización de espazos públicos, coas que está a privatizar os portos restrinxindo o uso de espazos públicos para a participación veciñal. A visión do Partido popular é recadatoria e mercantilista e os beneficios polas taxas portuarias non revirten na mellora dos portos. Portos de Galiza está a facer caixa cuns concellos que deben soportar un financiamento moi deficiente. A Lei de Portos do Partido Popular alimenta un cambio de modelo portuario que rompe coa tradición galega de considerar os portos como lugares de encontro e participación social.
A proposta do BNG solicita modificar a lei para eximir, tanto aos concellos como as asociacións sen ánimo de lucro do pago das taxas por utilizar espazos portuarios para actividades, lúdicas, festivas, deportivas e tradicionais, desafectar os espazos que tiveron uso portuario e que na actualidade forman parte da trama urbana, crear un organismo entre concellos e portos para as decisións que afecten ás dúas administracións e modificar o réxime sancionador para non obrigar a unha persoa que pesque nun porto a pagar unha multa que pode rondar os 60.000 euros.
A deputada Montse Prado manifestou que a primeira lei de Portos de Galiza foi elaborada de costas viradas ao sector e veciñanza e sobre todo aos concellos.
Trala resolución presidencial do mes de setembro as actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e social así como outros servizos públicos teñen cada vez máis problemas e deben asumir unhas taxas abusivas por utilizar espazos que sempre foron usados de maneira tradicional.
Portos de Galiza debe desafectar os espazos sen usos portuarios e traspasalos ao dominio público, marítimo e terrestre para que os concellos podan utilizalos. Entre eles, as praias, xardíns, parques, e tramos de vías públicas, debendo os concellos comprometerse a asumir a limpeza e mantemento de todos eses espazos. O BNG avoga por un uso compatible dos concellos co uso portuario.