Ana Miranda visita a Foz do Miñor

Ana Miranda xunto a membros da Plataforma en Defensa da Foz do Miñor

A representante do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento Europeo realizou este Sábado unha visita á Foz do Miñor, interesándose polos problemas de contaminación que se veñen producindo de xeito continuado neste espazo natural, que forma parte da Rede Natura 2000 desde o ano 1.999. No 2.007 incluíuse no Plan Xeral de Explotación Marisqueira de Galiza como zona C, polo que non é posíbel a explotación marisqueira da mesma.

Ana Miranda visita a Foz do Miñor

Moitas foron as agresións que sufriu a Foz do Miñor, xa desde o auxe do turismo no Val Miñor. Ocupáronse as beiras, canalizando parte do seu percorrido, namentres tampouco se establecían medidas correctoras no relativo ao saneamento. O que debería ser un referente medioambiental na comarca representa hoxe un espazo degradado no que está a desaparecer a flora e fauna e no que non é posíbel unha actividade económica de marisqueo, coa conseguinte perda de postos de traballo.

Na visita Ana Miranda atendeu as reivindicacións do Presidente da Asociación de Veciños A Unión e a Cofradía de Pescadores de Baiona, impulsores da constitución dunha Plataforma de apoio ao río e a Foz do Miñor. Correspondeu ela expoñendo o traballo que vén desenvolvendo o Bloque Nacionalista Galego en Bruxelas para acadar o saneamento integral das rías galegas.

Xa no 2013 unha delegación da Unión Europea visitou as nosas rías, co fin de elaborar un informe que o Partido Popular tentou descafeinar e alonxar da realidade medioambiental. Só o empeño do Bloque Nacionalista Galego, a través do incasábel traballo de Ana Miranda, impediu que se aprobase un texto rebaixado na análise e nas conclusións.

A visita, á que tamén  asistiron os concelleiros do BNG no Val Miñor e representantes dos seus consellos locais, realizóuse na contorna do Camping Baiona Praia e nas marxes do río Miñor na Xunqueira. Puideron comprobar os asistentes a situación de deterioro que sigue a producirse e a degradación do ecosistema que provoca e a perda de calidade medioambiental en xeral.

Ana Miranda comprometéuse a trasladar ao Parlamento Europeo todas as propostas que xurdan no seo da plataforma veciñal, en aras de acadar unha rexeneración que dotará de valor engadido a todo o Val Miñor. Compromiso que se subscribiu tamén a nível municipal.

 

Ana Miranda visita a Foz do Miñor