O ACTUAL GOBERNO ELIMINA PARTIDAS SOCIAIS E AUMENTA O GASTO EN PROPAGANDA

O PP aproba o maior gasto da historia en externalización de servizos: máis de 1,8 millóns de euros

O PP aproba o maior gasto da historia en externalización de servizos: máis de 1,8 millóns de euros

O goberno do PP de Baiona ven de aprobar 11,2 millóns de euros de orzamento municipal para este ano 2024. Un incremento do 6% con respecto ao do ano anterior, o que significa que o actual goberno dispón de 438.000 € máis. Isto xunto ao grande descenso do custe da enerxía, que pasa de máis de 1 millón de euros do 2023 a 735.000 para este curso, supoñen 273.000 € menos de gasto. Polo tanto, en xeral, pódese concluír que o actual goberno ten 711.000 € máis de músculo financeiro que o goberno anterior.

O BNG sinala que a pesares de dispoñer de máis recursos, o PP, elimina as partidas do Fondo galego de cooperación local (2.000 €), convenio coa Asociación Española Contra o Cancro (2.000 €), convenio con AFAGA (2.000 €) e diversos convenios con clubs deportivos como os de bolos celta (8.000 €). Un total de 14.000 €, que supuñan tan so un 0,13 % do orzamento, que se eliminan do gasto social.   

Por outro lado, o informe do departamento de intervención segue a incidir na eiva lexislativa que arrastramos dende fai anos de non contar cunha Relación de Postos de Traballo e a asunción de competencias impropias para o concello como a achega ao transporte interurbano de viaxeiros. A nivel fiscal sinala un remanente de tesourería de 1,4 millóns de euros, desmontando, de facto, o reiterativo discurso do goberno do PP de que non hai cartos.

De igual xeito, o propio informe sinala unha serie de defectos técnicos de xestión a corrixir. Así reitérase a necesidade de que os importes que se cobren pola realización de actividades deportivas ou culturais teñan o seu sustento legal ou a necesidade de licitar aquelas subministracións cuxo importe anual excede amplamente do límite establecido para o contrato menor. Tamén, no que respecta ao capítulo de persoal, o informe apunta a deficiencias como prazas de funcionario ocupadas por persoal laboral ou que existen aínda no Concello persoal indefinido non fixo por sentenza xudicial. 

O BNG votou en contra destes orzamentos porque, a parte de todo o anterior, consideran como moi preocupante o excesivo incremento tanto na partida de propaganda que aumenta máis dun 40% chegando a 83.000 €, como en externalización de servizos de traballos realizados por outras empresas que supón un gasto de máis de 1,8 millóns de euros. Un gasto récord dun PP que se amosaba moi preocupado por este gasto cando estaba na oposición e agora convértese no campión da privatización de servizos.

O PP aproba o maior gasto da historia en externalización de servizos: máis de 1,8 millóns de euros