O BNG en Baiona solicita a instalación de semáforos no Carrefour e na Palma para a seguridade da veciñanza
O BNG en Baiona solicítalle ao goberno local, a través dunha moción no próximo pleno municipal, a instalación de semáforos nos pasos peonís da Avenida de Sabarís a altura do Carrefour e no de acceso ao Parque da Palma na Avenida Ramón y Cajal para garantir a seguridade das persoas.
Segundo os nacionalistas “a PO-552 é a estrada que máis tráfico soporta e parte do percorrido transita en máis de 4 km. por zonas urbanas con alta densidade de peóns. Esta combinación fai que sexa a estrada máis perigosa e con máis incidencias que se acrecentan na época estival, no nadal, na Arribada ou os domingos”.
Por iso, sinalan que “o BNG considera que o paso peonil da Avenida Ramón y Cajal que dá acceso ao Parque de A Palma debe contar cun semáforo que garanta a seguridade de baionesas e baioneses. Como así vimos solicitándolle á Xunta de Galiza dende fai anos e como fixo o anterior goberno municipal que, en ambos casos, o goberno do PP nin tivo a consideración de contestar”.
E continúan apuntando que “na Avenida de Sabarís, o paso peonil situado fronte ao Carrefour é moi usado pola veciñanza tanto polo acceso ao supermercado como polo tránsito peonil escolar de nais, pais, nenas, nenos, mozas e mozos xa que sitúanse paradas de autobús en ambas direccións. Así, entenden que a instalación dun semáforo aumentará a seguridade viaria das veciñas e veciños. Neste caso para o goberno municipal a xestión é cuestión de vontade política polo carácter municipal da estrada”.