O BNG CHAMA A UNHA PARTICIPACIÓN MASIVA NA MANIFESTACIÓN DO DÍA DA PATRIA GALEGA

O BNG realizou un acto público en Baiona no que interviu a responsábel nacional de organización da fronte nacionalista, Lucía López

O BNG realizou un acto público en Baiona no que interviu a responsábel nacional de organización da fronte nacionalista, Lucía López

Dentro do calendario de actividades relacionadas co 25 de xullo, Día da Patria Galega, o BNG da comarca de Vigo ven de celebrar o seu acto público comarcal no Paseo da Praia da Ribeira de Baiona. Previo ao acto realizouse un pasarrúas pola vila coa participación do grupo tradicional “Choran as Pedras”.Esta actividade enmarcouse dentro da campaña nacional polo Día da Patria que, baixo o lema “A forza deste País”, está a desenvolver o BNG por todas as comarcas galegas e na emigración.

O acto abriuno o portavoz municipal do BNG en Baiona, Iago Pereira, que destacou na súa intervención a importancia de facilitar o acceso á vivenda “especialmente nun concello turístico como é o de Baiona” así como na defensa do galego como lingua propia da Galiza e no desleixo con que a Xunta do Partido Popular trata ao noso idioma.

Pola súa parte Iria Custodio, responsábel comarcal de Galiza Nova, incidiu nos problemas que afectan a mocidade galega, nomeadamente os vinculados co mundo laboral como a temporalidade ou a precariedade, propondo alternativas para que a xente moza non teña que emigrar e no respeto á diversidade.

O responsábel comarcal do BNG na comarca de Vigo, Manuel Caride, destacou o feito de que  a ameaza de proxectos eólicos nas serras do Galiñerio e da Groba “foi freada grazas a mobilización cidadá e ao traballo dos colectivos para a protección destes espazos naturais, contando sempre co firme apoio do BNG” e lembrou que este e ano conmemóranse os 40 anos da chegada dos restos de Castelao e o 80 aniversario da publicación do Sempre en Galiza, finalizando cunha cita desta obra clave do nacionalismo galego contemporáneo.

Pechou o acto a  responsábel nacional de Organización do BNG, Lucía López,  cun discurso no que resaltou o escenario no que se desenvolve a campaña deste ano, un contexto de “declive socioeconómico” e cunha “ofensiva de espolio dos nosos recursos e de destrución do territorio”. Referiuse así ao “espolio eólico”, a “destrución do río Ulla e da ría de Arousa coa megacelulosa que Altri quere implantar no noso País” ou a reapertura da mina de Touro-O Pino e criticou ao goberno do PP á fronte da Xunta o cal “actúa de promotor ou comercial dunhas multinacionais que só veñen esquilmar os nosos recursos”.

Por outro lado, asegurou que “máis unha vez, neste Día da Patria Galega, desde a Galiza estamos con Palestina e con todos os pobos do mundo que loitan pola súa liberdade, e defendemos firmemente e sen fisuras unha aposta pola paz”.

É por iso que López cualificou a mobilización do 25 de xullo como a “manifestación na que confluirán todas as causas xustas que están en loita agora mesmo neste País e todas as causas  xustas da humanidade” .Así mesmo, anunciou que será unha “gran  mobilización nacional en defensa de Galiza e do dereito da nosa nación a ser e existir en pé de igualdade cos demais pobos do mundo”.

López quixo rematar a súa intervención convidando de novo a festexar o Día da Patria Galega e “celebrarmos a nación, celebrarmos o orgullo de sermos galegas e galegos” e incidiu en que tamén “é unha data de reivindicación na que o protagonismo é das galegas e galegos que se mobilizarán en defensa dos dereitos e dos intereses de Galiza”.

O BNG realizou un acto público en Baiona no que interviu a responsábel nacional de organización da fronte nacionalista, Lucía López