O BNG denuncia que, segundo o informe, Almuíña minte sobre a titularidade municipal da parcela licitada para o chiringo de Frades
O BNG en Baiona denuncia que, “segundo indica o informe de secretaría, o Alcalde non di a verdade sobre a titularidade municipal da parcela na que se pretendía licitar a concesión do chiringo na praia de Os Frades como saíu publicado o pasado 21 de xuño no Faro de Vigo“.
A formación nacionalista sinalan que “en dita publicación o sr. Almuíña asegura que fixeron as comprobacións e ese espazo foi adquirido polo Concello de Baiona no ano 1985.” Aclaran dende o BNG que “segundo o informe de secretaría nin teñen as comprobacións feitas nin a parcela licitada é de propiedade municipal. Así, o informe cita literalmente:
Coa finalidade de comprobar os argumentos esgrimidos no recurso solicitouse mediante Oficio ao rexistro da Propiedade Nº 4 de Pontevedra información rexistral acerca das parcelas, sin que a data de hoxe (este informe é do 17 de xuño) tivese entrada neste Concello a información solicitada.
Examinado o Inventario de Bens consta escritura de compravenda do 30 de setembro de 1985 unha parcela de 15.000 m2, parcela que non incluiría (segundo o plano de segregación do resto da finca matriz) a zona que se correspondería co Lote Nº 6 obxecto do recurso.”
Xa que logo, o Bloque Nacionalista Galego insiste en que “a nefasta xestión do goberno municipal do PP de Baiona paralizou a licitación dos chiringos das praias; queda demostrado, segundo o informe de secretaría, que o Alcalde míntelle a veciñanza para tapar a mala xestión; e con esta aptitude e declaracións pon en dúbida a reputación e o traballo da persoa que fixo a oportuna alegación e que evitou que se cometese unha licitación en fraude de Lei.”
Por último, preguntan dende o BNG, “se os terreos son do Concello como di na prensa o sr. Almuíña, ¿por que se retira da licitación a concesión do chiringo na praia de Os Frades?”