O BNG ante o continuado menosprezo ao galego do goberno de Almuíña pon a situación en coñecemento de A Mesa pola Normalización Lingüística
O actual goberno do PP en Baiona, co alcalde Vázquez Almuíña a cabeza, leva dende que comezaron o mandato menosprezando sistematicamente ao idioma galego e facendo norma o permanente incumprimento da Ordenanza do uso do galego do noso concello, así como da Lei de normalización lingüística.
O BNG en Baiona ven denunciando este feito en multitude de ocasións xa que, a parte da documentación, publicacións en redes sociais e propaganda, o peor é que a páxina electrónica do Concello de Baiona no seu formato de idioma galego amose contido en castelán na grande maioría das publicacións, desprezando de xeito grave e consciente ao noso idioma.
Por todo isto, a formación nacionalista decidiu poñer en coñecemento deste agravio á nosa lingua a A Mesa pola Normalización Lingüística que é unha plataforma independente, plural e apartidaria que ten como único obxectivo a promoción do uso do galego en todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma. Un dos seus papeis é denunciar todo tipo de agresións e discriminacións que poida sufrir a lingua galega e asegurar que se respecte o seu uso individual e colectivo.
O BNG considera que o idioma galego é unha cuestión de identidade propia do que somos como pobo, forma parte da nosa cultura e da historia do noso país. Porén, sobre todo dende as administracións débese defender, promover e usar a nosa lingua propia. É por isto que o BNG en Baiona creou, promoveu e impulsou, cando formou parte do goberno, a Ordenanza municipal do uso do galego que foi aprobada en Pleno no ano 2022 de xeito unánime.