O BNG en Baiona denuncia que a mala xestión do PP retrasa a licitación dos “chiringos” das praias
O BNG en Baiona denuncia que “a nefasta xestión do goberno municipal do PP de Baiona ten paralizada a licitación dos “chiringos” das praias porque pretendía licitar o da Praia dos Frades en terreos que non son municipais.”
A formación nacionalista sinala que “despois de anunciar o pasado 26 de abril que o concello sacaba a concesión para a explotación temporal de quioscos en cinco dos nosos areais (A Concheira, A Ribeira, A Ladeira, Santa Marta e Os Frades), a día de hoxe seguimos sen rematar a licitación destas concesións”.
Incide en que “esta demora é debido a que a nefasta xestión do goberno do PP fai anular o proceso porque pretendía conceder a instalación do quiosco de Os Frades en terreos que pertencen ao Ministerio de Facenda e ao Parador”.
O Bloque Nacionalista Galego apunta que “a incompetencia do goberno municipal retrasará a instalación deste servizo de quioscos nas nosas praias até ben entrada a época estival”.