O BNG en Baiona denuncia a nefasta xestión da Xunta que obriga a Baiona a pagar 13.000 € para a contratación de socorristas coa connivencia do goberno municipal do PP
Dende o BNG en Baiona denuncian que “a nefasta xestión da Xunta de Galiza ven de negarlle á Mancomunidade a subvención de 26.000 € para a contratación de socorristas nas praias do Val Miñor para este verán, obrigando as arcas municipais a facer fronte a 13.000 € de gasto para poder dar o servizo nas praias baionesas dende o 1 de xullo”.
A formación nacionalista apunta tamén que “A Xunta de Galiza ven de amosar unha total falta de consideración ao non axudar á Mancomunidade a contratación do servizo de socorristas. A inconsciencia do actual goberno de Rueda leva a deixar de subvencionar un servizo moi necesario nos noso areais xa que fan atencións de primeiros auxilios, vixilancia, auxilio, información e salvan vidas”. Continúan indicando que “consideramos unha vaga escusa a de non subvencionar as Mancomunidades de Concellos. E ao tempo unha mala xestión política xa que non axuda aos concellos pequenos como Baiona. Entendemos que a Mancomunidade é un ente que pode axudar ao noso concello a ter mellores servizos e dende o BNG sempre apostamos por ela. Sen embargo, queda claro que ao actual goberno galego non aposta por comarcalizar servizos, senón todo o contrario”.
O Bloque Nacionalista Galego tamén denuncia “a connivencia do goberno do PP en Baiona con este grave feito xa que non se pronunciou ao respecto a pesares que xa pasaron varios días. Lamentamos que para tapar esta nefasta xestión do PP en Galiza si haxa cartos e para as veciñas e veciños que van facer diversas propostas ao Sr. Almuiña a contestación sexa que non.”