O BNG ESIXE A ELIMINACIÓN DA SERRA DA GROBA DAS ADE'S E OS PARQUES EÓLICOS MARIÑOS

Baiona libre da ameaza eólica terrestre por agora

Baiona libre da ameaza eólica terrestre por agora

Hoxe sae publicado, pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, a Declaración de Impacto Ambiental (D.I.A.), en sentido negativo, relativa ao proxecto de construción do parque eólico terrestre Torroña I.

Este proxecto era o derradeiro que afectaba ao noso concello e ao que lle faltaba a D.I.A.  despois de que se emitiran, tamén en sentido negativo, as dos proxectos denominados Toroña e Albariño I.

Dende o BNG amosan a súa satisfacción por estas resolucións xa que dan a razón a todas as alegacións presentadas polo propio BNG pero tamén por unha gran parte da sociedade e de diversas entidades que, como a nacionalista, entende como moi prexudicial para Baiona e a Serra da Groba a implantación do negocio eólico na nosa Serra polo brutal impacto paisaxístico, patrimonial e medioambiental que suporía.

Ao tempo que, dende o BNG, felicitan a todas estas entidades e persoas que loitaron pola defensa deste ben común que é a Serra da Groba.

Pero, advirten dende o BNG, continúa vixente o Plan Sectorial Eólico de Galicia (PSEG) e con el as Áreas de Desenvolvemento Eólico (ADE,s) que segue a incluir a nosa serra e ao noso concello. Por iso esiximos ao goberno do PP da Xunta de Galiza a  eliminación das ADE,s que afectan ao concello de Baiona e ao Val Miñor. Xa que, de non ser así, as empresas do sector poden presentar novos proxectos eólicos.

Do mesmo xeito, lembran dende o BNG, a ameaza eólica para o noso concello non remata no monte. O goberno do Estado formado por PSOE e Sumar pretende instalar, a través dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo, o proxecto de construción do parque eólicos mariño Volanteiro que afecta directamente a Baiona. Este proxecto pretende colocar os aeroxeradores a menos de 30 quilómetros da costa xerando un grave impacto medioambiental e afectando directamente ao sector pesqueiro. Por esta razón, esiximos tamén a protección da costa galega contra esta ameaza eólica.

Baiona libre da ameaza eólica terrestre por agora