4 anos despois, un concello sen “Orgullo”
A simboloxía que ten pendurar do edificio de toda a veciñanza de Baiona a bandeira arcoiris, da diversidade, do orgullo vai máis alá dun simple xesto. As conquistas sociais e os seus símbolos teñen un significado político, neste caso o compromiso de acadar a igualdade social, a visibilidade da diversidade afectivo sexual e a non discriminación. En definitiva, xustiza social.
Estamos a ver estes días unha sistemática eliminación do espazo público desta bandeira onde goberna a dereita. Pero escoitando ao líder do PP dá a sensación que esta directriz é exclusiva da ultradereita. En Baiona goberna o PP pero quizais sexa certo o que o dí o Sr. Feijoo.
O Bloque Nacionalista Galego entendemos que debemos educar ás crianzas en liberdade. Aprenderlles que hai multitude de identidades, que poden ser cis, trans, heterosexuais, bisexuais, lesbianas, homosexuais, intersexuais, ou calquera outra coa que se sintan identificadas.
Porque tal e como pretenderon facer coa conmemoración do 8 de marzo, non debemos esquecer a orixe do 28 de xuño e renderlle homenaxe á denuncia, á reivindicación e á loita de moitas persoas que eran perseguidas polo propio sistema que debería protexer os seus dereitos.
Feliz día do Orgullo !