Un Val Miñor lilá no 8M
Este 8M foi outra xornada histórica. O Val Miñor en xeral e Baiona en particular tinguíuse de reivindcación feminista onde centos de persoas atigamos a concentración na Ramallosa.
A moitos e moitas éncheselle a boca coas fake news das denuncias falsas, as custodias das crianzas, lei do aborto ou disfrazar como xestación subrrogada aos ventres de aluguer. Por desgraza para esa xente este 8M quedou demostrado que cada día somos máis as que non calamos, as que berramos que agora é o noso momento e que non imos dar un paso atrás. Foi moi emocionante e esperanzador camiñar hoxe con todas vós.
Fartas de ver como o grupo de goberno do PP de Baiona só se queda na posta en escea, na foto: con vagos lazos morados pendurados da casa do Concello, coa aprobación do IV Plan de Igualdade entre Homes e Mulleres ao que non adicou nunca nin un euro para que sexa desenvolvido, coa contratación como conferenciante dun individuo como Sánchez Dragó que, nun dos seus libros, recoñece encontros sexuais con menores, denigrándo ás nenas cunha linguaxe machista e con declaracións da súa tenente de Alcaldía, María Iglesias, como “no necesito leyes que me amparen” e “sobre la violencia machista, a mí me gusta más hablar de violencia de sexo, me da igual que sea hacia la mujer o hacia el hombre”.
Un PP que apoia incondicionalmente as políticas anti-feministas da Consellería de igualdade da Xunta de Galiza que recortou as axudas ás vítimas de violencia machista, suprimiu programas de acompañamento, reduciu até un 75% os recursos para a conciliación, recuperou os concertos que segregan por sexo, desviou fondos de igualdade para unha rede nai antiabortista e leva dez anos incumprindo as leis de igualdade. Mais a realidade é que cada día despertámonos cun novo caso de violencia machista e cada día vivimos a desigualdade.
Queda moito por facer, moito por educar e moita loita que dar. Aínda hai quen non entende que o feminismo reivindica a igualdade entre homes e mulleres e non a supremacía dun xénero respecto a outro, como vén facendo o machismo nomeadamente coa igrexa católica e coas organizacións políticas hetero-patriarcais ao longo da historia.
Unha loita diaria é transcendental para a nosa sociedade e para o noso futuro como pobo e como persoas. A transversalidade do feminismo é liberdade. A liberdade é revolucionaria. A revolta será feminista ou non será!!!
Por todo isto, as mulleres e homes do BNG por saúde democrática, esixen ao Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, unha rectificación á Tenente Alcalde do Concello de Baiona, María Iglesias, polas súas declaracións públicas e un apoio manifesto as reivindicacións feministas que as veciñas e veciños de Baiona manifestamos hoxe.
Namentres, o BNG, no seu ritmo habitual de traballo e responsabilidade, presentará este Domingo a súa candidatura completa (12 da mañá na sede local na rúa Laureano Salgado 20). Namentres o Partido Popular permanece enleado con constantes renuncias porque o seu proxecto é fallido, o BNG avanza paso a paso, con ilusión e as ideas claras.