PASADAS APENAS TRES SEMANAS DESDE QUE REXEITARA AS PROPOSTAS DAS ANPAS, ACORDA AGORA UNHA LIÑA DE AXUDAS PARA O TRANSPORTE ESCOLAR
O Partido Popular volve a ter que rectificar ante a presión social
Na aprobación dos orzamentos municipais o Bloque Nacionalista Galego solicitou que se dotara unha partida para crear unha liña de axudas ao estudantado de Bacharelato e Ciclos Formativos do Instituto de Ensino Secundario Primeiro de Marzo. O Partido Popular desestimou a proposta, sin dar solución naquel momento á problemática orixinada ao non poder cubrir estas prazas dentro dos autobuses que realizaban o transporte escolar ao alumnado do ensino obrigatorio.
No período de exposición pública dos orzamentos tres dos cinco colexios de Baiona presentaron alegacións para que se crease unha subvención de 12.000 € co que sufragar parte destes gastos. De novo, foi só o BNG quen se opuxo á súa inadmisión, argumentada polo Goberno Municipal en base a que o transporte público non é competencia do Concello. Non actuaron así cando desde a Xunta de Galiza propúxose que os concellos asumisen parte do custe do transporte metropolitano. A contradicción é todavía máis notoria si temos en conta que o BNG demandou no Parlamento de Galiza que a Xunta negocie con ATSA a instalación dunha parada de liña regular no entorno do IES Primeiro de Marzo. Con isto, os alumnos e alumnas de Bacharelato e Ciclos Formativos poderían empregar a súa tarxeta de transporte metropolitano para poder viaxar gratuítamente todos os días. O argumento definitivo do Partido Popular foi que en ningún concello se está a subvencionar este transporte. Eis o seu modelo de xestión fronte ao do BNG. Basean as actuacións no copia e pega doutros concellos, o BNG quere que Baiona sexamos vanguardia, exemplo nos servizos sociais en favor da nosa veciñanza. E pouco importa si é ou non competencia municipal, ante unha necesidade veciñal, o Concello ten a obriga de buscar solucións.
Paradóxicamente, tres semanas despois de esgrimir estes argumentos o Partido Popular presenta pola vía de urxencia unha moción que crea unha liña de axudas, como demandaban as ANPAS, reducindo un 50% as asignacións dos grupos municipais da Corporación. Unha vez máis o Goberno Municipal vai detrás dos movementos sociais e das demandas do BNG, unha vez máis ten que rectificar e aceptar as suxerencias que rexeitaron nun primeiro momento.
Agora, a obriga de todos os grupos políticos da Corporación é loitar porque na negociación do novo Plan de Transporte se poda acordar coa concesionaria ATSA a instauración dunha parada nas inmediacións do IES Primeiro de Marzo, co fin de que non sexa necesaria unha liña de axudas municipais e o uso da tarxeta de transporte metropolitano cubra as necesidades do alumnado.