ASÍ O DENUNCIAN DENDE A ASOCIACIÓN O CARME E ENGADE QUE O PP DECIDE ORGANIZAR A FESTA SALTÁNDOSE O ACORDO QUE TIÑAN DENDE XUÑO
"O Concello de Baiona intenta evitar a toda costa a celebración da 'Festa do Carme' en 2024"
A Asociación O Carme de Baiona ven de denunciar publicamente a negativa por parte do Concello de Baiona gobernado polo Partido Popular a aceptar a que organice dita festa, para a cal foi creada a asociación. Denuncian tamén que non lle deixan facer na Palma un concerto que teñen contratado e que lles comunican tres meses despois de chegar a un acordo co Sr. Alcalde Vázquez Almuiña, que vai ser o propio Concello quen organiza a festa.
O Bloque Nacionalista Galego entendemos que as organizacións políticas non debemos inmiscuírnos nas decisións e actos das entidades respectando a súa orientación relixiosa, ou social.
Consideramos que cando se ten responsabilidade de goberno débese facilitar todo o posíbel que as entidades realicen os seus actos, sobre todo cando non supón custe para as arcas municipais.
Do mesmo xeito, débese colaborar e axudar cedendo espazos, controlando e xestionando o tráfico ou aportando servizos como ambulancia ou emerxencias.
Pero sobre todo, entendemos como fundamental ser coherente e xusto. O que non é de recibo é axudar e colaborar con unhas asociacións e con outras non. Ou decidir organizar a festa do Carme e deixar fóra a Santa Cristina, San Lourenzo, Santa Mariña e A Cela.
Porque actuar deste xeito sería incoherente, inxusto e partidista.