O BNG, único grupo que aposta por que o GES siga na Mancomunidade do Val Miñor

O resto de grupos políticos apoian a iniciativa do PP de estudar a integración do GES no Consorcio contra Incendios da Deputación provincial

O BNG, único grupo que aposta por que o GES siga na Mancomunidade do Val Miñor

O BNG aposta por que o GES siga a ser un servizo mancomunado do Val Miñor. Así o defendeu onte xoves na sesión plenaria de carácter extraordinario da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor onde se trataron, por iniciativa da oposición, os temas da problemática do Grupo de Emerxencias Supramunicipal do Val Miñor e da piscina Mancomunada da Ramallosa.

 

No que atinxe ao GES, aprobouse por unanimidade a proposta do Bloque Nacionalista Galego de reactivar de forma urxente a Comisión de Investigación de acoso da Mancomunidade co obxecto de ratificar o seu informe e adoptar medidas que solucionen o problema de acoso entre traballadores e traballadora, definido e valorado na Inspección de Traballo e Seguridade Social dende fai 2 anos e que supuxo unha sanción de 25.001 € por inacción á propia Mancomunidade.

 

Por outra banda, e ante o problema da falla de efectivos para dar o servizo, o Partido Popular propón como solución que a Mancomunidade se desprenda da xestión do GES e que se transfira á Deputación de Pontevedra integrándoo no Consorcio contra Incendios Provincial. A excepción do BNG, todos os demais grupos políticos apoiaron esta proposta.

 

Os nacionalistas creen firmemente na Mancomunidade de Concellos do Val Miñor como un ente adecuado para a xestión de servizos na comarca. “Consideramos que debemos dar máis servizos e competencias á Mancomunidade, non baleirala de contidos”, indica Iago Pereira, representante do BNG na MCVM.

 

En canto á restitución da temperatura adecuada para realizar as actividades na piscina mancomunada, conseguida como froito da mobilización das persoas usuarias, o Presidente, Juan González informou que o tema está solucionado até maio logo dun acordo negociado por el mesmo coa empresa concesionaria, Serviocio. Un acordo que incluiría propostas de mellora económica que estarían estudando os servizos técnicos da mancomunidade.

 

Dende o BNG consideran que esta medida non é máis que un parche temporal e temen que esas peticións por parte da empresa poidan implicar un considerable aumento nas tarifas da piscina.

O BNG, único grupo que aposta por que o GES siga na Mancomunidade do Val Miñor