Grazas, Ana

Hoxe a nosa Portavoz Municipal renuncia á súa acta e deixa a Corporación Municipal do Concello de Baiona. Sae pola porta grande, como ten que ser. Logo de moitos anos na primeira liña de acción política a vida persoal ten que acabar prevalecendo sobre a adicación desinteresada pola política, algo que non é algo que abunde nun panorama político cheo de corruptos no eido económico e no ético.

Sempre fuches alguén que evitou os protagonismos, a pesares de ter os extraoficiais galóns da veteranía. Xuntanzas cáseque na clandestinidade nunha caravana nos primeiros anos da democracia, apoiando a Soco cando foi a primeira concelleira nacionalista en Baiona, fiel aos acordos asemblearios cando as decisións máis difíciles se tiveron que executar, volvendo á palestra cando xa deras paso a unha nova xeración, cedendo locais e salas para as nosas xuntanzas cando os tempos económicamente foron e son máis difíciles. Eres o fiel reflexo da que perde máis que gaña na política, porque os intereses colectivos están por riba dos propios e sempre actuaches así.

Baiona viviu un breve período contigo como concelleira no Goberno Municipal e moitos baioneses e baionesas percibiron o cambio. Traballaches como mingún outro o fixo, sin tacha na túa labor. Sen dúbida a equivocarnos podemos decir que fuches a mellor concelleira que tivo nunca Baiona e si o malfacer da política de todo a cen tivera deixado que levases a cabo o teu traballo catro anos e non dezaoito meses estamos seguros que hoxe o BNG sería o referente político en Baiona.

Propios e extraños non te impediron loitar polo proxecto político no que creías e hoxe volves a dar un exemplo de ética política. Aceptamos con resignación que non sintas que non podes representar ao BNG coa intensidade que desexarías porque outras obrigas impídencho, aproveitando incluso para dar paso á nova xeración de persoas que veñen a protagonizar a profunda renovación na que o BNG está inmerso.

Grazas, Ana. Os e as militantes presentes e pasados do BNG en Baiona estámosche profundamente agradecidos por toda a túa labor e recompensarémosche cada día tomando o relevo que deixas na procura da transformación social en Baiona e en Galiza. Seguiremos tendo en conta a túa opinión, agora con máis intensidade que nunca.

Saúde e forza!

Militantes e simpatizantes do BNG en Baiona

Comunicado da Portavoz Municipal do BNG en Baiona, Ana Mª Fernández