O BNG presenta até trece enmendas ao PXOM de Baiona

O BNG presenta até trece enmendas ao PXOM de Baiona

O Bloque Nacionalista Galego en Baiona, logo de manter diversos contactos con colectivos, vén de presentar alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal de Baiona, sinalando expresamente que o mesmo non é acaido á realidade do noso concello.

Na alegación á totalidade do documento se enumeran até trece enmendas para a mellora do mesmo, sendo as máis significativas as seguintes:

Polígono Industrial

A ubicación sinalada no proxecto, a mesma que no PXOM do ‘94, é inviábel debido á orografía da zona. Sendo necesario un polígono industrial, preciso para a xeración de emprego local, suxérise unha reubicación máis acaida.

Non ao campo de golf

A teima do Goberno Municipal coa ubicación dun campo de golf é Baiona non é razoábel, por moito que agora neguen expresamente ese nome ou mesmo difundan o feito de que en realidade non se executará. E logo porqué se ubica un espazo depotivo nas Costeiras, en Baredo? Nada clara é a cuestión e o Goberno Municipal cala.

A ubicación dun campo de golf en Baiona traería diversos perxuizos medioambientais, non só polo uso de herbicidas e fertilizantes, sinón tamén pola alta necesidade de auga que de xeito directo ou indirecto perxudicaría ás necesidades actuais do noso concello.

Camping da Ladeira

O BNG non cexa no intento de retirar o Camping da Ladeira. Abandeirado desta demanda sistemáticamente, vén reclamando do Estado Español que si foi quén de vender o terreo aos actuais propietarios, debe ser tamén quen de facerse cargo do sesembolso económico necesario para recuperalo. Así, en cada sebate dos Orzamentos Xerais do Estado o BNG presenta enmenda aos mesmos con tal fin.

Mais isto non supón que se deba eliminar a infraestructura hoteleira, o PXOM de Baiona debe dotar dunha alternativa que permita que na mesma parroquia de Sabarís se dispoña doutro emprazamento. Camping si, pero non na Ladeira.

Vivenda

O problema de acceso a unha vivenda por parte dos baioneses e baionesas non aparece reflexado no documento presentado, cúbrese o expediente adecuándose á normativa vixente, mais non presenta alternativas acaidas á realidade de Baiona. Non se especifica a protección das parcelas de titularidade municipal que poidan xurdir, así como as que xa existen na actualidade e fican sin execución (O Burgo e Os Tendais). Non se prantexa unha soa medida que permita supoñer que o Concello vaia fomentar unha política de acceso á vivenda protexida de propiedade nin de aluguer. Xa se produxeron fórmulas de éxito no pasado que deben apoiarse decididamente desde o Goberno Municipal. O BNG sempre apostou polas fórmulas cooperativistas como xeito de acceder a unha vivenda digna a prezo asequíbel.

Entre as enmendas presentadas tamén se fai alusión a erros nos lindes das parroquias e as propiedades das comunidades de montes, que non se corresponden coa realidade, que se ubique correctamente o conxunto arquitectónico do Outeiro dos Lameiros na parroquia de Santa Cristina, que se elimine a protección arqueolóxoca nas Ínsuas  por terse eliminado calqueira resto coas obras da AG-57 ou que non se permitan máis edificacións na península de Santa Marta.

O documento íntegro das alegacións pódese consultar aquí.