O GOBERNO DO PARTIDO POPULAR CONTRAPROGRAMA CUN MAGOSTO OS ACTOS DO BAIONA LILA
É unha falta de respecto e sensibilidade co suposto compromiso feminista do Baiona Lila
Este 25 de Novembro sáese a rúa a conmemorar o Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller.
52 vidas este ano, segundo as cifras oficiais que só recollen as vítimas que teñen ou tiñan relación sentimental co seu asasino. Se tomamos como referencia os asasinatos cometidos por homes (familiares, coñecidos, clientes ou amigos), esta cifra ascende a 93 mulleres (2 menores). É unha cifra devastadora que ano tras ano poñemos “a cero” e dáse por suposto que a partir de Xaneiro do vindeiro ano seguirá ascendendo.
As manifestacións, as declaracións institucionais, os minutos de silencio, as pancartas...todo iso está ben, pero non é suficiente. Precisamos de máis recursos, de máis protección e de máis concienciación e loita contra calquera tipo de violencia. O sistema ten demostrado que as veces non funciona, pero temos que ser conscientes de que nese sistema tamén estamos nós e somos pezas clave ao igual que as institucións. Precisamos de compromiso real e de xente que non mire cara outro lado ou pense que manifestándose dúas veces ó ano o traballo xa está feito.
Dende os Concellos pódese facer moito en prol da eliminación da violencia contra a muller, reforzando servizos, cooperando con outras administracións e deseñando unha liña de actuación. Coa chegada do BNG ao goberno de Baiona, onde a área de Igualdade estaba baixo a nosa dirección, deseñouse unha programación integral en Novembro do 2019 para concienciar e sensibilizar á veciñanza no relacionado coa violencia machista, déuselle o nome de NOVEMBRO LILA e os motivos son obvios.
O cambio de cor política na nosa vila deu lugar tamén a un cambio de nomenclatura na programación do mes de Novembro e así foi como se presentou o Baiona Lila. A pesar de ser o novo goberno quen fixo este cambio, o seu Alcalde na propia presentación fixo honra ao Novembro Lila varias veces, non sendo capaz de recordar o nome do programa que a súa corporación acababa de presentar. É un acerto que goberno actual continúe a desenvolver programas que sensibilicen e poñan o foco na Violencia machista.
Para o BNG é todo un avance ver a Sito Almuíña envolto nun contexto de feminismo e cor lila como nunca se vira en anos anteriores sendo alcalde.
Chama a atención ver o multiúsos de novo convertido nunha galería de Arte, cuestión que o PP criticaba dende a oposición. A exposición de ARTE-Terapia que hai que agradecerlle a Irene Silva e as mulleres participantes no obradoiro “Ti contas, ti transformas” no cal se elaboraron pezas dignas de protagonizar un calendario municipal.
Recoñecemos como un gran acerto seguir contando con Irene Silva e Iria Misa, mulleres que até fai 4 anos foron ignoradas polo Concello ao que pertencen, só era preciso amosar a súa valía para devolverlle o lugar que ben merecen.
Na programación do Baiona Lila continúa a colaboración cos centros educativos e as proxeccións de filmes, como Matria, que coincidiu en horario co Magosto organizado tamén polo Concello. Falta de respecto e sensibilidade co suposto compromiso feminista do Baiona Lila.
Tamén se bota moito en falta a edición das axendas igualitarias, un proxecto integral que combinaba o traballo dos centros educativos sobre Violencia machista e Igualdade, daba a coñecer mulleres importantes para nosa Vila e compilaba unha serie de recursos e conceptos sobre violencia.
Serán estas unhas das moitas eivas que veremos en todo o que teña a ver coa Igualdade, xa que a pose non se pode manter durante 4 anos.