A ENTREGA DE 50 COMPOSTEIROS INDIVIDUAIS COMPLEMENTA AO COLECTIVOS DO PLAN REVITALIZA
A compostaxe axudará a reducir a cantidade de lixo tratado por SOGAMA
Iago Pereira, Concelleiro de Medio Rural e Participación Veciñal, participou na entrega dos 50 composteiros individuais donados por SOGAMA.
O Concello de Baiona adheríuse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama polo cal a entidade cedeu 50 composteiros individuais de 400 litros de capacidade e fabricados en plástico reciclado a persoas veciñas de Baiona que dispoñan dun terreo onde instalalo.
O obxectivo é a transformación dos restos orgánicos producidos no domicilio en compost, un fertilizante natural cunhas excelentes propiedades para seu uso no solo e a diminución dos quilos de lixo orgánico depositados no contedor verde. Cabe lembrar que o Concello de Baiona dispón así mesmo de 3 centros de compostaxe comunitaria, ao amparo do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, situados no parque do barrio dos Tendais, na rúa Burgo e no Camiño do Carme en Sabarís, que funcionan con grande éxito de participación.
As persoas que desexen un composteiro individual poden solicitalo no Concello, xa que aínda quedan algunhas unidades dispoñibles. Para optar a eles, deben estar empadroadas no Concello de Baiona, ser maiores de idade e dispoñer dun terreo onde instalalo.