O BNG insta a que se presenten reclamacións no SERGAS pola falta de pediatra substituto
Como sucedera hai un ano, ante as vacacións ou baixas do pediatra titular o SERGAS non pón a disposición un pediatra substituto no Centro de Saúde de Baiona, derivando os pacientes ao Centro Médico da Xunqueira
Novamente Baiona quedará sin servizo de pediatría, desta vez do 1 ao 15 de Setembro por vacacións do pediatra titular no Centro de Saúde de Baiona. Como xa sucedera hai un ano, o BNG insta á veciñanza a que presente reclamacións ante o SERGAS, co fin de que se perciba o descontento da mesma.
“Só a través da protesta formal cabe a posibilidade de rectificación dunha Consellería de Sanidade capitaneada por un Vázquez Almuiña que novamente deixa abandonada a súa vila”, dí Iago Pereira, Portavoz Municipal do BNG no Concello de Baiona.
“A argumento de que non existen facultativos para contratar é unha falacia, como se puido comprobar coa xubilación do pediatra no Centro de Saúde de Coruxo, que foi substituído mediante contrato por días e coa advertencia de que derivarían os pacientes a Navia. A verdadeira derivación que oculta o Partido Popular no servizo de pediatría é da sanidade pública á privada”.
“Pregúntome si o Partido Popular fará como en Vigo e en Baiona apoiará as demandas da veciñanza para logo opoñerse no Parlamento. De feito Ángel Rodal xa mercou as excusas do SERGAS e en Pleno Municipal xustificou a ausencia de pediatra no Centro de Saúde de Baiona e que a Xunqueira non estaba tan lonxe. Si non ten capacidade para defender os intereses de Baiona queda constatado que fica inhabilitado para representar á veciñanza”, conclúe Iago Pereira.
O BNG repartirá reclamacións o vindeiro Mércores, entre as 10 e as 12 da mañá diante do Centro de Saúde de Baiona e pón a disposición de quen o desexe modelos de presentación de reclamacións, no enlace que acompaña á presente.