O BNG denuncia o contínuo menosprezo ao galego do goberno do PP en Baiona
O Bloque Nacionalista Galego en Baiona denuncia que o actual goberno do PP, co alcalde Vázquez Almuíña a cabeza, leva dende que comezaron o mandato menosprezando sistematicamente ao idioma galego e facendo norma o permanente incumprimento da Ordenanza do uso do galego do noso concello.
O portavoz do BNG en Baiona, Iago Pereira, sinala que “van xa varios plenos nos que denunciamos este continuado incumprimento da ordenanza e solicitamos que o actual goberno do PP deixe de menosprezar ao idioma galego.” Do mesmo xeito apunta que “a parte de documentación, publicacións en redes sociais e propaganda, o realmente grave é que a páxina electrónica do Concello de Baiona no seu formato de idioma galego amose contido en castelán na grande maioría das publicacións, desprezando de xeito grave e consciente ao noso idioma”.
Ademais o BNG incide que “o galego é unha cuestión de identidade propia do que somos como pobo, forma parte da nosa cultura e da historia do noso país”. Porén, entenden que “sobre todo dende as administracións débese defender, promover e usar a nosa lingua”.
Cabe lembrar que a Ordenanza municipal do uso do galego foi creada polo BNG cando formou parte do goberno anterior e aprobada en pleno no ano 2022 de xeito unánime. En canto a isto, os nacionalistas consideran que “a Ordenanza non só é unha ferramenta que nos permite acceder a certas subvencións tamén ten que valer para poñer en valor o idioma do noso país. Se non se usa con este fin nin pedagoxicamente, realmente o que se está é a atacar ao galego”.