O BNG aposta por promover vivenda pública como alternativa ao problema residencial no Val Miñor

A organización nacionalista defende medidas urxentes diante das dificultades para acceder a unha vivenda en Nigrán, Gondomar e Baiona, durante un acto celebrado en Sabarís cos candidatos e candidatas do BNG e a deputada Alexandra Fernández

O BNG aposta por promover vivenda pública como alternativa ao problema residencial no Val Miñor

O Bloque Nacionalista Galego aposta por promover vivenda pública como alternativa ao “grave” problemas residencial nos concellos do Val Miñor. A organización nacionalista defende actuar con urxencia ante a cada vez maior dificultade para acceder a unha vivenda nos concellos de Nigrán, Gondomar e Baiona, tanto pola falta de planificación urbanística, como pola presión dos pisos turísticos e pola inacción da Xunta de Galiza e dos distintos Gobernos municipais do PSOE.

“É fundamental ordenar e aumentar o parque público, ben sexa mediante nova construción ou mediante a adquisición de inmobéis sen uso”, defendeu a deputada e portavoz de vivenda do BNG no Parlamento galego, Alexandra Fernández, durante un acto celebrado polas nacionalistas en Sabarís, no que tamén explicaron as súas medidas a nivel local Xavier Rodríguez, candidato do BNG á Alcaldía de Nigrán; Manuela R. Pumar, cabeza de lista en Gondomar; e Iago Pereira, en Baiona.

A deputada nacionalista denunciou o déficit de vivenda pública en Galiza, tan só un 0,3% do parque residencial, por baixo da media estatal e moi lonxe do resto de países europeos. Nese sentido, chamou a desenvolver un plan galego para mobilizar a importante cantidade de vivendas baleiras, moitas delas en mans de entidades financeiras, con medidas impositivas e tamén con axudas destinadas á rehabilitación.

No caso do Val Miñor, apuntou a voceira de vivenda do BNG, hai na actualidade 3.660 vivendas desocupadas e case 7.500 residencias secundarias, xunto coa crecente presión polo boom das vivendas destinadas a usos turísticos. Nese sentido, Fernández trasladou iniciativas esta semana no Parlamento galego para establecer un control por parte da Xunta sobre este fenómeno, todas elas rexeitadas polo PP.

Nigrán

Pola súa banda, o cabeza de lista en Nigrán, Xavier Rodríguez, denunciou que nun concello que sofre “tanta presión urbanística” como Nigrán, onde máis da metade de vivenda está baleira ou é unha segunda residencia, a única actuación pública que se recorda sexa a das antigas vivendas de mariñeiros de Patos, construídas hai máis de 60 anos. Lamentou a negativa do Goberno galego do PP á emenda formulada este 2022 polo Bloque para destinar 5 millóns de euros á promoción de vivenda pública na comarca, nomeadamente nos concellos do Val Miñor.

Gondomar

No caso de Gondomar, a concelleira e candidata do BNG á Alcaldía, Manuela R. Pumar, defendeu actuar ademais a nivel municipal para dar resposta á “escasa e cara” oferta de vivenda, en particular para alugueiro residencial. Así, criticou a “longa parálise” na que se encontra o proxecto de novo Plan Xeral e denunciou a intención do actual goberno do PSOE de impoñelo co mínimo de solo destinado a vivenda pública que permite a lei. Por contra, a portavoz nacionalista apostou por un deseño que conte con participación veciñal  para “garantir unha visión social do planeamento previsto, que facilite o acceso á vivenda ás persoas mozas e ás familias traballadoras a prezos asequíbeis”.

Baiona

Na mesma liña, o edil e cabeza de listo do BNG á Alcaldía de Baiona, Iago Pereira, chamou a revisar o PXOM para controlar os novos desenvolvementos urbanísticos para elevar ao máximo a porcentaxe de vivenda protexida. En particular, propuxo destinar as parcelas municipais dos Tendais e do Burgo para a construción de vivenda pública en réxime de alugueiro. Medidas, asegurou Pereira, que permitirán reverter anos de políticas urbanísticas e prezos “desorbitados” que expulsan cada vez máis veciñanza de Baiona.

O BNG aposta por promover vivenda pública como alternativa ao problema residencial no Val Miñor