O PP pisa aos veciñ@s someténdose a Carrefour e Eroski
Un cínico sorriso estaba instalado na cara do sr. Alcalde cando puido comprobar que @s preferentistas non acudiron á Praza do Concello nesta ocasión. A pesares disto e habendo sillas baleiras no salón de plenos, prohibíase a entrada a veciñ@s ao Pleno coa mentira do aforo completo. Tan só o BNG saiu momentaneamente do mesmo para conseguir que se deixase pasar a estas persoas. O Alcalde, namentres, recostado no seu sillón feudal, botóulle a culpa á Policía Local. Debe ser que o noso Concello é o único no que a policía local non obedece ao Goberno, vai por libre.
Aprobóuse o aparcamento de zona azul cun máximo de 1 hora de duración na rúa Carabela A Pinta e na rúa Julián Valverde. Na rúa baionesa funcionará todos os días agás os domingos e festivos; Na rúa sabarisense todos os días sen excepción. COEMSA, Encaixamos Val Miñor e a Asociación de Veciños Castro e Ladeira de Sabarís pedían que se exceptuasen os domingos e festivos pero o goberno de Baiona non lles fixo caso. O control de ámbalas zonas azuis o levará a Policía Local, rexeitando o Alcalde os reloxos de cartón que para este fin funcionan en multitude de concellos.
As grandes empresas están de noraboa coa sumisión absoluta do goberno do PP: As áreas comerciais de máis de 300 metros cuadrados poderán abrir as portas todos os domingos de Xullo e Agosto. Ou sexa, Carrefour e Eroski. O alcalde dí que isto é beneficioso para os comerciantes. Toda a oposición e incluso a propia ACEBA temos claro que non. Queda evidenciado a quen obedece o PP baionés.
O pleno remataba coas concesión de distincións de lazos de honra, carabela de ouro, nomear un fillo predilecto da vila e pór nome á estación marítima. O PP voltou actuar de maneira antidemócrata e non consensuou coa oposición ningún destes nomeamentos. Amosou, unha vez máis, a cara máis retrógrada e impositiva. Por suposto, o BNG non entrou neste xogo autócrata e abandonamos o salón sin deixar de recoñecer que a maioría d@s nomead@s era merecedor/a do galardón.
Iago Pereira
Concelleiro do BNG no Concello de Baiona