O BNG esixe a retirada de toda simboloxía franquista aínda existente na comarca de Vigo
A portavoz municipal do BNG en Vigo, Iolanda Veloso; o concelleiro en Nigrán, Xavier Rodríguez; o concelleiro en Baiona, Iago Pereira; e o responsable comarcal, Manuel Caride, presentaron as conclusións da campaña desenvolvida pola formación nacionalista baixo o lema Fascismo Nunca Máis, para localizar toda a simboloxía franquista que aínda existe na comarca de Vigo. Instamos á retirada de toda esta simboloxía, subliñaron ao tempo que defenderon o cumprimento da Lei de Memoria Histórica.
Iolanda Veloso salientou que ademais da cruz do Castro, en Vigo o franquismo está presente nun escudo na fachada do instituto Santa Irene; outro no edifico de Aduanas, e outro no do sindicato de estibadores; así como placas nas vivendas sociais de Ramiro Pascual, en Matamá; no grupo de vivendas sociais de Vilar; e na rúa Aragón número 216.
Hai edificios públicos que manteñen a simboloxía franquista, polo que corresponden ás administracións públicas retiralas, salientou a voceira nacionalista, ao tempo que indicou que no caso dos edificios privados as administracións deben instar aos particulares para que procedan a súa retirada e cumpran a lei".
A respecto da cruz do Castro Iolanda Veloso lembrou que o BNG foi quen de levar esta cuestión ao pleno, solicitando o seu derrubo. En setembro do ano pasado a moción nacionalista contou co rexeitamento do PP e a abstención do PSOE, mentres que en setembro deste ano contou coa oposición tanto de PP e como de PSOE.
Edificios relixiosos en Nigrán
No tocante a Nigrán, o concelleiro Xavier Rodríguez destacou que os casos máis salientables de simboloxía franquista que perviven refírense a edificios relixiosos, como por exemplo unha placa no templo votivo de Panxón. Con motivo da moción que presentamos, o Concello de Nigrán acordou solicitar a diocese o cumprimento da Lei de Memoria Histórica, explicou.
Pola súa banda, o edil do Bloque en Baiona, Iago Pereira, salientou que grazas á campaña desenvolvida pola formación nacionalista foron localizados catro símbolos nesta localidade, situados na ex Colexiata, na fonte de subida á Virxe da Rocha, no lavadoiro do río Groba e na fachada do cemiterio.
A permanencia de simboloxía fascista nos nosos concellos supón un insulto á memoria da xeración de galegas e galegos que sufriron o franquismo por defenderen a liberdade e os dereitos democráticos e nacionais do pobo galego, subliñou o responsable comarcal do BNG.
Manuel Caride defendeu ademais que convén lembrar que a Lei da Memoria Histórica obriga a retirar dos espazos públicos todo símbolo ou mención conmemorativa de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da ditadura' e expresou o seu agradecemento en nome do BNG ás persoas que participaron na localización destes símbolos.
Índice de fotografías (indícase localización e data de obtención):
1.- Cruz do Castro. Vigo. 28 de setembro de 2014.
2.- Placa do Templo Votivo de Panxón. Nigrán. 19 de setembro de 2014.
3.- Inscrición na ex-Colexiata. Baiona. 20 de outubro de 2014.
4.- Inscrición na fonte subida Virxe da Rocha. Baiona. 20 de outubro de 2014.
5.- Inscrición lavadoiro no río Groba. Baiona. 20 de outubro de 2014.
6.- Placa fachada cemiterio. Baiona. 24 de setembro de 2014.
7.- Placa nas vivendas sociais rúa Ramiro Pascual en Matamá. Vigo. 24 de setembro de 2014.
8.- Escudo na fachada do Instituto Sta. Irene. Vigo. 25 de setembro de 2014.
9.- Escudo fachada edificio de Aduanas. Vigo. 28 de setembro de 2014.
10.-Placa grupo de vivendas sociais en Vilar. Vigo. 26 de setembro de 2014.
11.- Escudo fachada edificio sindicato de estibadores. Vigo. 28 de setembro de 2014.
12.- Inscrición en fonte camiño das Barreiras na Ramallosa. Nigrán. 29 de setembro de 2014.
13.- Placa na rúa Aragón nº 216. Vigo. 29 de setembro de 2014.