Moción do BNG solicitando maior participación veciñal

Moción do BNG solicitando maior participación veciñal

O Xoves dous de Xullo celebrase Pleno Ordinario do Concello de Baiona, a partires das 12 da mañá na Casa do Concello. Nel o Bloque Nacionalista Galego defenderá que se redacte un regulamento de participación veciñal, de tal xeito que aquelas cuestións de especial significación conten co apoio dos directamente afectados.

Na mesma iniciativa sinálanse outras medidas que incrementen a transparencia e a democracia participativa no exercicio da xestión municipal, como pode ser a publicación na web municipal das retribucións e declaracións de bens de todos os membros da Corporación, a habilitación na mesma de espazos para os grupos políticos e colectivos baioneses, así como un apartado de suxestións veciñais, publicación dos orzamentos ou creación dunha mediateca onde se podan consultar os Plenos mediante video ou son.

En canto ao regulamento de participación veciñal, o BNG solicita que se constitúa unha comisión de traballo, co fin de que se acade un consenso na súa redacción e se regule expresamente o funcionamento dos Plenos Municipais, a participación veciñal nos mesmos, recollendo mecanismos para a posta en práctica dos orzamentos participativos que permitan que o investimento dunha parte do orzamento sexa decidido polos veciños e veciñas, así como a creación de Comisións Sectoriais e parroquiais, onde colectivos e veciños e veciñas podan participar directamente nos temas que máis lles interesen.

Nun último punto proponse a constitución do Consello de Sabios, como órgano de consulta e elaboración de informes sobre cuestións que consideren de significada relevancia.

Todas estas medidas viñan recollidas no programa electoral que o BNG-Asembleas Abertas presentou nas pasadas Eleccións Municipais, sendo o eixo fundamental da forma de entender a política municipal dos nacionalistas baioneses.

Así mesmo, preguntarán polos criterios técnicos, estéticos ou económicos se estableceron á hora de determinar a calidade, tipo e grosor da pedra empregada para a restauración do solado da Praza do Pai Fernando, pola xestión de datos do punto limpo de Baiña, o recheo con cemento no paseo da Ribeira e as tarifas e prezos para residentes nos aparcadoiros soterrados durante os meses de Verán.

Convocatoria do Pleno Municipal

Moción do BNG - Participación veciñal

Preguntas do BNG

Moción do BNG solicitando maior participación veciñal